De levar a contraria coa Lei Orgánica da Amnistía

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Eduardo Parra | EUROPAPRESS

Se eu fose deputado do PP, ou de Vox, adoecería, devecería por votar si a esta futura Lei Orgánica

26 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

En setembro deste ano deixei aquí a miña modesta opinión, na que me reafirmo sobre a constitucionalidade da amnistía para o chamado «procés» materializado na consulta celebrada en Cataluña o 9 de novembro de 2014 e no referendo de 1 de outubro de 2017, declarados inconstitucionais e que aplicando o Código Penal vixente deron lugar a condenas por delitos variados. Agora que se coñece a proposición de lei presentada no Congreso español polo PSOE, digo que me dá a impresión de que o mundo anda o revés ou, se me apuran un pouco, que padecerei o mal de levar a contraria, que non che sei como se denomina. Aí vai: se eu fose deputado do PP, ou de Vox, adoecería, devecería por votar si a esta futura Lei Orgánica. Botaría fogos, faría unha festa con ela e decoraríaa cunha bandeira españolísima. Pero se resultase integrante dun dos partidos independentistas ansiaría votar en contra. E non creo padecer ningún trastorno psíquico, nin ter maior interese, ou se cadra si, en ir contracorrente. Fagan o favor de ler a proposición de lei do PSOE, que configura a amnistía como unha norma emanada do órgano encargado da representación popular española e ampárase na Constitución española en todos os seus puntos. Segundo di, busca rematar coa «tensión política, social e institucional de acordo coas facultades que a Constituciónlle outorga ás Cortes Xerais a través dun mecanismo constitucional que reforza o Estado de Dereito». Ou sexa: acatamento do ordenamento xurídico español. O «procés» rebentou por decisións unilaterais dos órganos autonómicos que o Goberno español, sen que nese preciso momento houbese posibilidade de diálogo, considerando que tales decisións non se suxeitaban á legalidade, púxoas, civilizadamente, nas mans da Xustiza —non actuou enviando o Exército como noutras épocas históricas—. A Xustiza española, sometida ás leis emanadas das Cortes Xerais, condenou a diversos responsables por varios delitos, coa comodidade folclórica dalgúns fuxidos, que nestes anos botaron un aire repoludo. Despois diso, sen que se deixe de matinar na independencia da Comunidade Autónoma máis rica, as circunstancias cambiaron ata o punto de que o PSC é actualmente a forza máis votada alí e que, ademais, apoia á Generalitat catalá. Nesta situación chegouse ao pacto de tramitar unha Lei Orgánica de Amnistía entre partidos independentistas e PSOE para, literalmente, «en aras do interese xeral, consistente en garantir a convivencia dentro do Estado de Dereito e xerar un contexto social, político e institucional que fomente a estabilidade económica e o progreso cultural e social tanto de Cataluña como do conxunto de España, servindo ao mesmo tempo de base para a superación dun conflito político». Esta proposición de Lei Orgánica non afecta á separación de poderes con respecto ao Poder Xudicial, porque este, sempre e en todo caso, está sometido ao imperio da lei. Pois ben: a futura Lei significa que conforme ao ordenamento xurídico español quen pode perdoar, perdoa —as Cortes Xerais españolas—e faino cunha lei votada polos órganos lexislativos do Estado español en aplicación da Constitución española. Que os partidos independentistas pidan amnistía ao Estado español e se sometan a esta Lei española implica un recoñecemento expreso da súa integración no sistema constitucional español. Se eu fose deputado deses partidos non aceptaría esta Lei española por implicar a submisión voluntaria, de facto e de iure, no presente e no futuro, ao ordenamento xurídico español. Así que nin entendo que PP ou VOX vaian votar contra esta Lei Orgánica, nin que os independentistas o fagan a favor. Non é por levar a contraria aínda que o pareza... pero navegar de bolina non me desgusta.