Un Asmubal limitado precisa o triunfo en Fuentes Carrionas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O cadro meañés viaxa sen Sofía Arangio, que apunta a lesión de gravidade

09 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás nove da mañá tiña prevista a súa saída desde Dena a expedición do Inelsa Asmubal Meaño cara ao norte da provincia de Palencia. En axenda, o encontro da duodécima xornada de Liga da División de Honra Prata Femenina na cancha do C.D.B. Fuentes Carrionas, antepenúltimo clasificado con 6 puntos froito de dous triunfos e outros tantos empates en once partidos.

Sobre o papel, o conxunto galego parte como favorito. A continuidade do groso do cadro de xogadoras que o fixeron subcampión de Liga a temporada pasada así o faría pensar. Pero o certo é que o Asmubal é, a día de hoxe, un rival apetecible para calquera equipo da categoría tras volverse un colectivo vulnerable polo efecto das súas lesións.

Sen recambio inda para a central vallisoletana Eli Méndez, a súa xogadora franquicia e extensión do adestrador, Juan Costas, no campo, o Asmubal vén de perder a unha das compañeiras que se estaban a repartir o traballo de tentar poñer orde no cada vez máis irregular balonmán do conxunto meañés: Sofía Arangio. A primeira liña arxentina mancou un xeonllo no último partido de Liga, na derrota galega na cancha do Balonmano Gijón (35-23). Pendente dunha resonancia magnética, todo apunta a unha lesión de gravidade, con sorte, non ata o punto de poñer punto final á temporada como si lle sucedeu a Eli Méndez.

Así as cousas, Juan Costas busca esta tarde, desde as 18 horas en Fuentes Carrionas, unha vitoria que afaste o estalido dunha crise larvada sobre as tres derrotas e un único triunfo do Asmubal Meaño nas súas catro últimas comparecencias en Liga. A central Sabela e Lidia, que pode xogar tanto no extremo coma no lateral esquerdo, son as dúas xuvenís que completan unha expedición de catorce efectivos a terras palentinas.

Oitavo clasificado con 11 puntos, logo de gañar cinco dos seus once partidos e empatar outro, o Asmubal busca comezar a reasentarse na competición cunha vitoria que, sinala Juan Costas, pasa por que «sexamos quen de xestionar ben os nosos ataques. Se o facemos, teremos opcións».