«Cinza», un cómic como antídoto para nostálxicos do franquismo

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O debuxante Manel Cráneo e o escritor Xavier Alcalá presentaron en Vilagarcía a versión deseñada de «A nosa cinza»

27 ene 2024 . Actualizado a las 20:31 h.

Analizando a cuestión por riba, existen cando menos tres camiños para acabar chapoteando no pozo do retroceso. Hai quen bota en falla os tempos idos, cando o que en realidade arela é a mocidade perdida, sen lle importar o contexto. Outros, os máis novos, que non coñeceron aquilo, caen seducidos polos cantos de serea dunha suposta idade de ouro que certos poderosos deste mundo lles venden, sabedores de que nunca foi tal. Por fin, e estes son os peores, non faltan quen, plenamente conscientes do que están arriscando, procuran facer retroceder o reloxo social ata o imperio abafante do nacionalcatolicismo e o patrioterismo mal entendido. Para todos eles, nas librarías existe un antídoto infalible que apenas custa vintepoucos euros: Cinza (Demo, 2023), a versión en banda deseñada de A nosa cinza, a novela iniciática que Xavier Alcalá publicou en 1980 e tanto o escritor coma o debuxante Manel Cráneo presentaron este sábado na libraría Metrópolis Cómics de Vilagarcía.

Pola boca de Cráneo soubemos que o proxecto requiriu sete anos de traballo intermitente e que poder contar co asesoramento persoal de quen ideou a historia constitúe un luxo moi pouco frecuente. Que o emprego do branco e negro no canto da cor procura un eficaz efecto metafórico para lle poñer marcos simbólicos a unha época. E que, en definitiva, non é probable que Ferrol (cidade na que se desenvolven as aventuras da infancia e a adolescencia de Xoán, o seu protagonista, por máis que nunca se mencione expresamente nin no libro nin no cómic) fose nunca tan ben debuxado coma nestas páxinas excelentes.

Escoitar a Alcalá sempre é un pracer. Unha sinxela confesión sobre a abordaxe daquela súa primeira novela abonda para espantar a gorrazos as pantasmas do franquismo e calquera nostalxia ao seu redor: «O que fixen foi lembrar aquela España escura na que cada día comezabamos cantando o Cara el sol e rezando ave marías. Aquela presión. Estabamos afogados, pero iso non quere dicir que non o pasásemos ben nin que non fixésemos falcatruadas». Un bo consello para quen soñe con coller a pluma: «Se vas contar conachadas, se non hai materia, non te metas». Para todo o demais, Cinza.