De camelias, magnolios e rododendros

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MARTINA MISER

Esta temporada, mentres imos cara ao remate da invernía, a floración de especies alóctonas, en contraste coa monotonía das orixinarias, ofrece un espectáculo grandioso en Galicia

10 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A palabra estranxeiro chegou ao galego a través do francés etranger, que significa estraño. Dicimos dos alleos que son de fóra; e no Grove que son do Vao para alá. Eses fóra e alá son indeterminados, van ata a fin de mundo. Vir de fóra pexa cos choques da saída e da chegada; e esta porque sentirse estranxeiro nunca será doado, sempre co lastre da adaptación a un entorno diferente, ata que, dalgún xeito, nalgúns casos, se integra no «nós». Pasa a ser un natural. A realidade é que ser autóctono é unha circunstancia temporal, xa que todos viñemos de fóra; todos, nalgún momento, nós ou os nosos ancestros, fomos, aquí, estranxeiros, estraños, diferentes, foráneos. Pero non só os humanos. Esta temporada, mentres imos cara ao remate da invernía, a floración de especies alóctonas, en contraste coa monotonía das orixinarias, ofrece un espectáculo grandioso en Galicia. Camelias, magnolios e rododendros protagonizan unha incrible, magnífica, exhibición de cor e beleza que en Iberia só se pode observar na súa plenitude nesta esquina atlántica, no Noroeste galego portugués, mentres o resto do territorio español debuxa un ermo ocre. Hai que ter a sensibilidade de vir a Galicia para asombrarse coa antese destas árbores e arbustos.

Os labradores —a poboación máis numerosa no XVIII e XIX— , foreiros na maioría dos casos, non se puideron permitir o luxo de ocupar leiras con plantas ornamentais. Por iso elas non só foron espurias ata hai pouco senón que, ademais, eran clasistas, ao seren traídas e agarimadas polos donos dos pazos dentro deses coutos. Os distinguidos pacegos diferenciábanse por disporen non só de fincas cultivables, senón de xardíns e arboredos como se pode ver nos espléndidos desta comarca: A Golpelleira, Barrantes, Fefiñáns, Pardiñas, Quinteiro da Cruz —con peculiaridades—, Rubiáns, Saleta, Serantellos ou Vista Alegre. Aí, nese entorno de poder, do que pronto botaron fóra, empezou a naturalización de camelias, magnolios ou rododendros. Agora mesmo, que xa proliferan nos espazos do común, non son estraños nin estranxeiros e transformáronse nun sinal de identidade desta terra. As camelias describímolas hoxe non só como autóctonas senón que, ademais, gabámonos delas por entendermos que son as mellores do mundo; non andamos desencamiñados xa que aquí alcanzan o maior tamaño de seu. Imposible cansarnos de miralas, porque gozamos duns trinta mil cultivares. Os nosos exemplares máis antigos andan nos douscentos anos e no Pazo Quiñones de León ata se bautizou unha como Camelia Matusalén, Árbore Senlleira de Galicia, como tamén aí se incluíu un exemplar do castelo de Soutomaior con 18 troncos que crecen desde a base da árbore e dan a circunferencia de copa máis grande de Galicia, cun diámetro de 17 metros. Impresionantes. Símbolos. Nestes días tamén florece a magnolia soulangeana, un híbrido francés do XIX, que antes de que lle abrochen as follas ten unha présa inmensa para asombrarnos ao explotar en beleza inzándose de flores malvas, rosadas, brancas; como non atura tanto fulgor, deseguido guinda esas inmensas flores de forma de cáliz, queda exhausta de tantísimo esplendor e tápase con follas humildes, como se se sentise avergonzada daquela exhibición de rechamante sensualidade adolescente. Nestas semanas tamén acadaron o seu apoxeo azaleas e rododendros, que emigraron desde Indochina, Nepal —onde é a flor nacional—, Xapón, Taiwán, incluso de Norteamérica ou mesmo de Borneo, e que viñeron acubillarse nos chans ácidos de Galicia, o mellor lugar posible para elas viviren. E agora, procedendo todas doutras terras, coma nós, aquí xa non son estranxeiras, estrañas. Son autóctonas, naturais. Mesmiño como a xente.