Catoira quere que as obras do Camiño Real sirvan para renovar o saneamento

La Voz CATOIRA / LA VOZ

AROUSA

catoira

O obxectivo é aproveitar este proxecto, que está en fase de licitación, para rematar cos desbordamentos do bombeo de augas residuais

22 may 2024 . Actualizado a las 15:46 h.

O Concello de Catoira quere aproveitar as obras de recuperación do Camiño Real para instalar unha nova rede de saneamento coa que solucionar os continuos atrancos e desbordamentos do bombeo de augas residuais que dá servizo ás casas da zona. Para iso, o alcalde pretende incluír a montaxe da rede de sumidoiros como unha mellora no proxecto de reforma da vía, que nestes momentos está en fase de licitación.

Xoán Castaño explica que o Concello dispón dunha memoria técnica coa proposta de facer peonil unha zona do Paseo Mirador da Ría e de rehabilitar o Camiño Real no treito comprendido entre Abalo e Mirador da Ría. Nese ámbito preténdese crear unha plataforma única transformando a estrada nunha zona na que só se permitirá o tráfico a residentes e vehículos de emerxencia. Para iso demoleranse os pavimentos existentes, adaptarase a drenaxe, renovaranse os servizos e instalaranse novos firmes combinando formigón con lousas de pedra. Tamén se instalarán novos bancos, arborado e luminarias e reinstalarase sinalización vertical e horizontal adaptada.

A maiores, ampliarase o itinerario peonil en ambos extremos da actuación, acondicionando o camiño que actualmente está en desuso nunha lonxitude de 610 metros lineais.