O Sigaltec pelexa hoxe o regreso á EBA quince anos despois

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O equipo de Luis Gabín ascenderá á renominada Tercera FEB se lle gaña esta tarde ao Porriño en Betanzos

25 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Quince anos. Ese é o tempo que o baloncesto vilagarcián leva fóra das categorías estatais masculinas, tras a renuncia ao termo do curso 2008/2009 do antigo Inelga BBC á súa praza na EBA. Hoxe, desde as seis da tarde en Betanzos, o Sigaltec CLB, herdeiro daquel equipo, disputa a súa cuarta fase de ascenso consecutiva. De gañarlle ao Porriño conseguirá o soño perseguido polo equipo que desde hai cinco anos dirixe o vilagarcián Luis Gabín, que daría o salto a unha categoría que, xusto a vindeira temporada, cambiará de nome para pasar a chamarse Tercera FEB.

«Nós imos con toda a ilusión», declaraba na véspera o técnico do Sigaltec. «Pelexamos moito por meternos aquí, tivemos que gañar 21 partidos —de 28—», clasificándose por primeira vez nestes catro anos como segundo para unha final que pasou de seis a catro equipos, remontando no último partido da liga de clasificación que liderou Betanzos para encabezar un cuádruplo empate co Porriño, terceiro, co Cambre, cuarto, e cun Rosalía que quedou fóra. Porriño gañou os dous partidos das ligas en Fontecarmoa e o Sigaltec os dous en campo rival. Con estes antecedentes, os de Gabín, di o técnico, buscarán un duelo aberto e de moitos puntos.