Do Día Internacional da Amizade e da Eurocopa

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Alberto Estévez | EFE

En realidade os partidos de fútbol, a Eurocopa, máis claramente en tempos de guerras, non deixan de representar batallas

21 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Amizade é palabra coa mesma raíz que amor, pero tamén coa de amable e coa de inimigo. O Dicionario di que é un sentimento de afecto e confianza. Fai xa dous anos Paco Trigo, amigo meu, regaloume un libro que a el o sorprendera: El último encuentro, ed. Penguin Random House-Salamadra, de Sándor Márai (Eslovaquia 1900 - Estados Unidos 1989). Díxome que quería que tamén me desconcertase, como a el. O libro, un éxito editorial, trata, no fondo, da amizade. E, si, resulta unha obra para admirarse. Casualmente, aínda me puxen a lelo estes días nos que se celebrou a Eurocopa de fútbol, que seguín atentamente pola televisión, e en véspera de que a ONU conmemore o Día Internacional da Amizade. A novela recolle a reflexión de dous vellos militares da Corte Imperial Austríaca que se volven ver despois de corenta e un anos coa única vontade de ser capaces de entender cal fora o motivo do seu distanciamento durante esas catro décadas —unha muller— e se se mantiñan, ou non, os lazos de amizade que nun tempo parecéranlles inmutables e eternos e agora, incluso despois dunha aparente tentativa de homicidio, igual perduraban, como se realmente fosen inquebrantables; ou non. Paralelamente a esta lectura celebrouse a Eurocopa de fútbol, con todos os rituais propios dunha competición deportiva entre equipos que representan a Estados: miles de fanáticos vestidos, disfrazados e pintados coas cores da correspondente bandeira e, incluídos os futbolistas, facendo alardes patrioteiros sen límite. Por suposto: iniciouse cada partido co correspondente himno, mentres as cámaras ían recorrendo os rostros duros, nada refinados, de cada un dos futbolistas; os novos heroes, os guerreiros, agarrados entre si, sentíndose irmáns —mentres non chegue o partido dos seus clubs—, como se fosen afrontar unha batalla final. O himno de España xa sabemos que non ten letra —aínda que o público corease a música— pero o do resto dos países, si a ten. E nestes casos había varias actitudes: os que berraban o himno a gritos, os que o musitaban e os que mantiñan a boca pechada, por non teren a máis remota idea de cales poderían ser os versos. Eran máis curiosas esas actitudes que o partido en si. Pero, en realidade os partidos de fútbol, a Eurocopa, máis claramente en tempos de guerras, non deixan de representar batallas, senón a santo de que se interpretan tales himnos, non sendo para alporizar, acirrar aos futbolistas a que combatan. Non se trata de unir nacións, xentes, senón de separalas, de diferencialas, de que loiten entre elas, para que ao final quede demostrado que unhas son mellores que as outras por agachárense detrás dunhas ou doutras fronteiras. Non é un torneo para deixar palpable que na Humanidade todos somos iguais —quizá o núcleo de competir é demostrar a desigualdade— senón para que quede claro quen é mellor. Racismo puro. Por iso despois, —desta volta os españois—, son recibidos, heroes, patriotas, rodeados de bandeiras, polas máis altas autoridades, representantes dese Estado vencedor. E, a todo isto, cada 30 de xullo a ONU conmemora o Día Internacional da Amizade, baseándose na Cultura da Paz e da Non Violencia, recoñecendo a importancia da amizade como sentimento nobre e valioso na vida dos humanos e afirmando que a amizade entre os pobos, os países, as culturas e as persoas pode inspirar iniciativas de paz e promove o diálogo, a solidariedade, a comprensión mutua e a reconciliación entre as civilizacións. Non sabemos se os dous vellos militares da novela de Sándor Márai, mantiveron ou non o sentimento de amizade que un día pensaron que era inmortal; na Eurocopa nin se mencionou a amizade e ninguén, botando por diante os himnos marciais de cada Estado, tentou favorecer diálogos ou iniciativas de paz. A ONU agora recórdanos que somos iguais e que busquemos a paz. Pero, a verdade, é que o pasamos ben coa selección española de fútbol. A que si?