Embarcacións tradicionais remontan o Ulla e o Sar na nova edición de Inchadiña Branca Vela

María Santamaría-Serantes, S. G. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

A flota na honra de Rosalía de Castro zarpará dende Rianxo para confluír na praia de Vilarello, en Valga

23 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Unhas vinte embarcacións tradicionais de todo o país únense novamente á undécima edición de Inchadiña Branca Vela nunha homenaxe das xentes do mar á figura de Rosalía de Castro. Subirán Ulla e Sar embarcacións de toda Galicia, con: gamelas, galeóns, dúas bucetas da ría de Noia e do Ézaro, un carocho, un bote de Ribadeo, un volanteiro da Guarda e dornas de distinto tipo —polbeiras, de tope, xeiteiras—, chamadas pola Fundación Rosalía de Castro e a A. C. Dorna da Arousa, coa colaboración do Concello de Padrón, de Catoira, de Dodro, de Rianxo e de Valga.

A novidade desta edición é que boa parte das embarcacións sairán xa pola mañá do porto de Rianxo —ás 11 horas— para logo unirse ao percorrido habitual, coa saída ás 16.30 horas desde a praia fluvial de Vilarello en Cordeiro —no concello de Valga— ata Padrón, onde se lle renderá unha homenaxe a Rosalía diante da súa estatua no Espolón de Padrón —aproximadamente ás 18.30 horas—.

Rosalía e a cultura do mar

Esta actividade, que se celebrou por primeira vez no ano 2013 para conmemorar o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos e o rexurdimento do galego como lingua literaria, xurdiu como iniciativa das xentes da cultura marítima para honrar a unha autora que nesta obra falaba das dornas que subiran Ulla arriba no seu tempo.

Un evento organizado para dar voz a ditas palabras da poetisa galega que tanto fala do mar, nesta obra e en moitas outras: La hija del mar, En las orillas del Sar ou a mencionada Cantares gallegos.