O BNG denuncia a supresión de pediatría no centro de saúde de Baño no verán
AROUSA

Un ano despois de que o servizo de pediatría do centro de saúde de Baño estivera sendo prestado a tempo parcial durante meses, Valga quedaráse sen pediatría ata o mes de setembro. Así o denunciou onte o BNG. Familias usuarias de pediatría fixeron chegar varias queixas á formación, denunciando que o Sergas non está aceptando novas consultas para o mes de agosto, mais tamén que se están aprazando as xa solicitadas.
O BNG de Valga dirixiráse ao goberno municipal do concello para pedirlle que lle reclame á Consellería de Sanidade a reversión da medida anunciada para evitar que as nenas e nenos valgueses queden sen pediatría. Desde o BNG salientan que o sistema público de saúde é un ben esencial que todos deben coidar, facendo fincapé na súa queixa contra os recortes orzamentarios e de persoal que se implementaron na sanidade galega dende hai quince anos.
Anima á xente a protestar
Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, anima aos usuarios do servizo de pediatría a deixar as súas reclamacións por escrito no propio centro de saúde ou a través da aplicación do Sergas, co obxectivo de facer presión e volver contar o antes posible cun pediatra en Baño. Ademais, levarán ao Parlamento de Galicia a necesidade de atención primaria a tempo completo para os nenos de Valga.