O novo flamenco de Antonio Carmona soará esta noite na Xunqueira

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

C, Domínguez

É un dos concertos que forman parte do programa de festas de San Roque de Vilagarcía

20 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Vilagarcía segue inmersa nun vórtice de diversión e alegría coas festas de San Roque, cuxo programa para o hoxe vén cargado de risas, de maxia e de acrobacias a través dos catro espectáculos que o Festaclown ofrecerá en sesións de mañá e de tarde polas rúas e prazas da cidade. O grupo de teatro da asociación Con Eles fará a súa primeira intervención deste ano en colaboración coa compañía colombiana Tchyminigagua, e Culturactiva desembarcará en Ravella con Máis Saaabor!, unha curiosa food truck para os Superroquiños. Teatro acrobático e un espectáculo de pompas de xabón completan a axenda do festival circense para unha xornada na que a música correrá a cargo do flamenco de fusión do ex cantante de Ketama, Antonio Carmona, protagonista da velada na Xunqueira.

Ás 11 horas, e ao longo das rúas da cidade, a estrea do pasarrúas Animarte dará unha función da man das compañías Igualarte, Asociación con Eles e Tchyminigagua. Ás 12.30 horas é o momento do grupo de gaitas Airiños do Carril, coincidindo coa proposta cómica dos Superroquiños. Ás 19.30 horas, Burbuja ocupará a praza de Galicia coas súas pompas. Ás 21 horas coincidirán a Lumarada de Cornazo coa mostra Sueños Encantados, esta segunda na praza da II República. Finalmente, ás dez e media da noite, Antonio Carmona ofrecerá a súa proposta no escenario do parque da Xunqueira.

O vocalista leva en activo dende os anos oitenta, cando pertencía ao grupo Ketama. Máis tarde comezou a súa etapa en solitario, converténdose nun innovador, fusionando novos estilos e sons. A proposta que presenta, Antonio Carmona en familia, é un espectáculo para todos os públicos con baile e con diversión. Unha experiencia na que se une a pureza do flamenco coa diversidade de ritmos latinos e a vangarda dos sons actuais.