O Arousa empata co Sporting de Gijón nun partido con oito goles (4-4)

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Os de Perú adiantáronse por dúas veces e tiveron que remontar outras tantas

01 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Partido tolo, de ida e volta, deses que tanto agradan o espectador. Así foi a estrea do Arousa na súa terceira temporada consecutiva na División de Honor Juvenil, e tamén na súa condición de local no remozado céspede artificial do campo municipal Manuel Jiménez. Cun 4-4 ante un dos grandes da categoría, o Sporting de Gijón, que dá mostra da falta de control do partido amosado por ambos os dous equipos, pero tamén do olfacto goleador dos seus xogadores.

A festa do fútbol comezou ben pronto, no minuto 4, nunha acción a balón parado que acabou con Sindo batendo no seu man a man o porteiro visitante, Ordóñez. Só dous minutos despois, nun centro lateral ao segundo pau, o Sporting empataba da man de Daniel Paul.

O cadro xixonés adiantouse no 31 con tanto de Ángelo, pero Seijo restableceu a igualada a 2 minutos do descanso de penalti. O propio Seijo adiantaría no 61 o Arousa, mais aos catro minutos un penalti transformado por Argüelles poría novamente as táboas.

Nunha boa transición, o Sporting volveríase adiantar no marcador, con gol de Gontzal no 70. Lonxe de verse superado, os pupilos de Perú amosaron unha enorme enerxía para botarse adiante e acabar forzando o reparto de puntos, con Pedro Bouzada, un dos reforzos este verán, aproveitando un centro de Iker.

FICHA DO PARTIDO:

AROUSA (4): Adrián Fuentes, Jacobo Crusat, Lorenzo, Piñeiro, Pedro Bouzada, Sindo, Seijo, Lueiro, David Sánchez (Almon, min 70), Úbeda (Iker, min 81) e Yeray (Santos, min 81).

SPORTING DE GIJÓN (4): Ordóñez, Corral, Álex Diego, Llaneza, Lucas Martín, Matabuena, Daniel Paul (Riestra, min 67), Ángelo (Gachenko, min 67), Gontzal (Villanueva, min 81), Argüelles e Álvaro Suárez (Marcos Suárez, min 61). 

GOLES: 1-0, min 4: Sindo. 1-1, min 6: Daniel Paul. 1-2, min 31: Ángelo. 2-2, min 43: Seijo, de penalti. 3-2, min 61: Seijo. 3-3, min 65: Argüelles, de penalti. 3-4, min 70: Gontzal. 4-4, min 85: Pedro Bouzada.

ÁRBITRO: Miguel Oliveira. Amonestou os visitantes Ángel e Álvaro Suárez.