Toque de atención a un Arousa que agarda a Duque dentro de dez días

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

Adestrador e director deportivo coinciden en apuntar un exceso de nerviosismo. No Veciño Vilalonga, Luciano fala do «moi bo partido» do seu equipo pese á derrota no desconto

10 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A derrota o domingo na Lomba pola mínima, 0-1, a mans do equipo revelación a temporada pasada e un candidato de partida aos postos nobres da táboa como a Sarriana, resultou unha sorpresa entre propios e estraños. Un resultado que, polo escoitado ao adestrador do Arousa, Míchel Alonso, e mais ao director deportivo do club arlequinado, Dani Abalo, tamén descolocou a nivel interno.

«Custounos entrar no partido, a xente estaba un pouco nerviosa de máis», sinalou tras o encontro un Míchel Alonso que observou como nin os seus cambios de pezas nin o troco de sistema serviron para virar a dinámica dun Arousa ao que lle faltaron «ciclos co balón máis longos» para evitar caer na precipitación.

«Les pudo el nerviosismo y el saber que tienen que llevar el peso del partido. Les pudo la ansiedad por llegar arriba», sinala Dani Abalo, quen non negou que perder na estrea na Liga foi «un golpe duro, porque todos queremos empezar ganando y los rivales no esperan por nadie». Así as cousas, Míchel Alonso salienta que toca converter esta primeira mala experiencia nun activo: «Ten que servirnos de toque de atención».

Demostrar que o equipo toma boa nota pasa por superar este vindeiro domingo, desde as 12 da mañá en Cantarrana, o Viveiro. Un partido no que o Arousa contará xa con José Rivera, o chamado a ser o referente na punta de ataque do conxunto vilagarcián, e que non puido aliñarse ante a Sarriana por ter que cumprir o segundo dos seus dous partidos de sanción a finais da temporada pasada nas filas do Gran Peña Celta C.

O que seguirá sen estar dispoñible para o adestrador ferrolán é Duque. O dianteiro coruñés, informou onte o director deportivo do Arousa, ten previsto a súa chegada á Lomba procedente do fútbol australiano o mércores da vindeira semana, día 18. O club agarda que ese mesmo día a súa última fichaxe, chamada a combinarse con José Rivera e Álex Compa nun sistema de dúas puntas, pase o recoñecemento médico e se adestre o xoves 19 cos seus novos compañeiros, podendo ser aliñable xa fronte ao Noia na Lomba.

Luciano fala do «moi bo partido» do Vilalonga pese á derrota no desconto

Un gol no primeiro minuto da prolongación da segunda metade condenou o domingo no céspede do Novo San Pedro o Vilalonga fronte ao Silva. O adestrador do cadro arousán, Luciano, lamentaba que o conxunto coruñés se levara os tres puntos en xogo cun gol in extremis nun dos «poucos erros defensivos que tivemos no partido». Iso si, sen buscar escusas, recoñecendo que a derrota veu dada por un fallo de concentración que, nunha categoría como a Tercera RFEF, os rivais non soen perdoar.

Se a derrota pola mínima foi o lunar, Luciano salienta que o Vilalonga fixo «un moi bo partido». Sobre todo, considerando un condicionante tan potente como o feito de tratarse dun primeiro partido de Liga nunha categoría descoñecida para a inmensa maioría do seu cadro de futbolistas. E a pesar diso, os seus pupilos «atrevéronse no campo, demostrando personalidade, facendo o que tiñamos preparado. Fomos moi superiores a eles; levamos o peso do partido e marcamos o ritmo», sostén o técnico. Un plan que o Vilalonga tentará repetir este sábado, na segunda xornada de Liga, desde as 18 horas no campo do Alondras.