O Asmubal Meaño é o primeiro líder de División de Honor Plata Femenina tras levar por diante o Santa Cruz

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

Eli Méndez completa o seu primeiro partido de Liga en dez meses cunha decena de goles

24 sep 2024 . Actualizado a las 09:43 h.

Soen ser os desprazamentos a Canarias probas altamente esixentes pola conxunción de factores máis aló do potencial deportivo do anfitrión, co lastre da longa viaxe aumentado en demasiadas ocasións por situacións paradeportivas ante a permisividade arbitral. O pasado sábado, o Inelsa Solar Asmubal Meaño tivo que pelexar na mesa que lle engadiran dous goles anotados ao seu casilleiro nun duelo co Balonmano Santa Cruz de Tenerife no que nin a petición da parella de colexiados conseguiu baixar unha canastra que tapaba parcialmente o marcador. E inda así, foi este, probablemente, o duelo máis plácido de cantos ten xogado o cadro meañés na División de Honor Plata Femenina.

A anotación queda reflectida no 23-38 do resultado final. Quince goles de diferenza que sitúan o Asmubal coma primeiro líder da Liga no Grupo A. Unha defensa en 6-0, moi presionante, con Vanesa Domínguez devolvendo a consistencia á súa zona central de volta do seu ano sabático, anulou a un equipo contrario condenado polo exceso de individualidade de boa parte das súas xogadoras. Ao descanso, un inapelable 10-19.

Entre a multitude de boas novas ofrecidas pola espectacular estrea meañesa salienta, máis aló do resultado, a contundencia da reaparición de Eli Méndez en partido de Liga. Dez meses despois da súa grave lesión articular, a central vallisoletana liderou o xogo do Asmubal, pero tamén a súa anotación, asinando 10 dos 38 goles do equipo. Un dato este último que o técnico do Asmubal, Juan Costas, antepón a un liderado que cualifica de «anecdótico».

FICHA DO PARTIDO:

BALONMANO SANTA CRUZ DE TENERIFE (23): Camila Vega, Uxue Olveira (1), Arinegua Pérez (3), Nayara Pérez (4), Laura Siverio, Nicole Collins (1), Mariah Janet Dyche, Paula Martín (4), Shalom Eseosa, Alexia Picas (6) Oriana Nicol, Andela Petrovic, Onyekwere e Jénnifer Toledo (4).

INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (38): Guadalupe Larralde, Nadia Vázquez, Danilza Liranzo (5), Sofía Arangio (3), Cárol Ferreira (4), María Currás (3), Agustina Ballada, Eli Méndez (10), Laura Miniño (8), Paula Rey (3), Luna Otero, Vanesa Domínguez e Shaila Fernández (2). 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-5, 4-8, 6-10, 8-13, 9-16, 10-19 (descanso); 12-24, 15-28, 18-30, 21-32, 23-34 e 23-37.

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: David Deniz e Diego Pastoriza. Castigaron con dous minutos as locais Olveira (22.52), Arinegua Pérez (7.54), Martín (11.20), Onyekwere (24.26 e 56.57) e Toledo (15.13); e as visitantes Liranzo (5.55), Cárol Ferreira (6.48), Ballada (10.59), Luna Otero (20.45) e Vanesa Domínguez (58.03).