Gustavo César Veloso dirixirá por cuarto ano o Tavfer no pelotón profesional
AROUSA
O director deportivo vilagarcián volverá apostar pola mocidade e os velocistas
04 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Gustavo César Veloso dirixirá por cuarta temporada o Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua. O club continental portugués confirmaba este luns a través dun comunicado a renovación do vilagarcián, na súa aposta común por un proxecto de crecemento a longo prazo no pelotón profesional sustentado sobre dous piares: a aposta por novos valores do ciclismo, con catro corredores sub-23 no equipo no 2025, e un perfil colectivo armado para conseguir os seus mellores resultados en chegadas masivas, reunindo nas súas filas a varios dos mellores velocistas lusos.
«Estou moi feliz de seguir co equipo. Aquí atopei unha gran familia deportiva e agradezo a confianza depositada en min», afirmou Veloso nas declaracións que acompañan o comunicado da súa renovación. Nel, adianta: «Seguiremos coa mesma determinación, disciplina e traballo para manter e mellorar a nosa imaxe dentro e fóra da estrada. [...] Tentaremos ter un papel protagonista nas carreiras, indo con humildade, dando o cento por cento cada día para conseguir os obxectivos en cada proba».
Para levar a bo porto estes principios, Gustavo César Veloso volverá contar entre os seus corredores con Ángel Sánchez Rebollido (31 anos), na que será a sexta temporada do corredor cambadés no Mortágua e a undécima como profesional. Xunto a el, un segundo ciclista galego, o redondelán Lois de Jesús, que aos seus 18 anos dá o salto ao gran pelotón desde o Picusa Academy de Padrón da man de Veloso.