
É a asociación que reparte a maior cuantía económica este Nadal baixo o modelo dos «rascas»
19 dic 2024 . Actualizado a las 09:06 h.Non é o municipio máis poboado nin o que ten máis comercio, pero Vilanova Centro é a asociación que máis cartos reparte en premios este Nadal: 10.000 euros. É a máis importante, pero ao longo do ano fan media ducia de campañas máis a conta dos días de San Valentín, o Pai, a Nai e demais datas sinaladas no calendario. Este decembro puxeron en circulación 30.000 «rascas» con premios de 300, 200, 100, 50, 20, 10 e 5 euros, intercambiables nos 47 establecementos participantes. O Gordo de 300 euros xa se entregou así como tamén dous boletos de 200 euros. «Este ano os premios foron madrugadores», indica a presidenta da asociación Vilanova Centro, Esther Prado.
—Saen a conta estas campañas para os empresarios?
—É unha reinversión porque á xente que lle toca un «rasca» ten que volver comprar para cambiar o premio e para ter un «rasca» hai que gastar un mínimo de 10 euros. Iso fai que a xente vaia a tendas diferentes e compre no pequeno comercio, porque aquí hai de todo: alimentación, calzado, xoguetes... A nós funciónanos, unha veciña do pobo leva xa cinco premios.
—Con que apoios conta Vilanova Centro para financiar estas iniciativas?
—Temos un convenio anual co Concello por 12.000 euros e os asociados tamén aportamos diñeiro cando fai falta.