O Mariscos Antón Cortegada apunta moi alto como subcampión de inverno da LF2

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Liderado por Cris Loureiro, o conxunto vilagarcián dispón dun colchón de dúas vitorias na carreira por volver á fase de ascenso

21 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis dunha década acumula xa o primeiro equipo da Agrupación Deportiva Cortegada penando na Liga Femenina 2 os excesos europeos da súa era de gloria na máxima categoría do baloncesto feminino español. En todo ese tempo, o conxunto vilagarcián só foi quen de disputar unha fase de ascenso, daquela co premio de volver á elite e non á Liga Challenge creada no ano 2021, renunciando a xogar outra por falta de recursos económicos. Se as cousas seguen como están a ir, este semella ser o ano no que a afección do Cortegada poderá volver gozar do soño de pelexar entre os oito mellores equipos ao termo da fase regular da Liga.

Co seu triunfo o pasado sábado na cancha do Maristas Coruña, prórroga mediante (69-74), o Mariscos Antón Cortegada remata a primeira volta coma subcampión de inverno. Cun balance de 10 vitorias e 3 derrotas, figura segundo na clasificación tan só por detrás do Bosonit Unibasket de Logroño, cun 12-1. GEIEG Pacisa e Mypelletymas BF León son terceiro e cuarto cun balance de 9-4 e o Maristas Coruña quinto con 8-5. Os tres últimos figuran na listaxe de partidos gañados polo cadro arousán, con avultados diferenciais co GEIEG (47-70) e co León (62-47). Só o líder (59-75) e o sexto e sétimo clasificados —cun balance de 7-6—, o UE Mataró (62-54) e o Aranguren (54-47), se lles resistiron ás pupilas do catalán Álvaro Fernández na primeira metade de campionato.

Tirando unicamente de oito xogadoras séniores, e con Cris Loureiro liderando as estatísticas do equipo na súa segunda etapa no club, o Cortegada apunta moi alto co cuarto mellor ataque e a cuarta mellor defensa do Grupo B.