Xoel Otero, prata no Campionato Galego de Héptatlon, e Celia Castro, bronce no DNA

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

Os pupilos de Verónica Cores arrincan con forza unha nova prometedora temporada 

22 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoel Otero e Celia Castro conseguiron a pasada fin de semana dous novos éxitos individuais, que tamén serven de escaparate ao gran traballo de canteira realizado na vilagarciana Agrupación Atlética Mazí a cargo de Verónica Cores. Dous éxitos en forma de medalla autonómica e nacional, que animan a pensar nunha nova gran campaña de ambos os dous deportistas arousáns.

O illense Xoel Otero é o novo subcampión galego absoluto de probas combinadas (héptatlon). No que é inda o seu primeiro ano como atleta sub-23, Otero fixo nas pistas de Expourense a súa mellor marca persoal na disciplina con 4.889 puntos, quedando a tan só 61 puntos da mínima nacional A para o Campionato de España Sub-23. Con todo, no seu club confían en que sexa suficiente para que o arousán poida participar, o 7 e 8 de febreiro, na gran cita estatal en Sabadell.

A medalla de prata de Xoel Otero sustentouse sobre cadansúa marcas persoais en catro das sete probas das dúas xornadas do héptatlon: no salto de lonxitude, cun novo mellor rexistro de 6,92 metros, no peso, con 10,81 metros, nos 60 metros valos, cun tempo de 8,55 segundos, e nos 1.000 metros, empregando 2 minutos, 48 segundos e 99 centésimas.

A varios centos de quilómetros, en Zaragoza, a cambadesa Celia Castro, ex compañeira de Otero na Mazí e adestrada inda pola súa directora deportiva, Verónica Cores, participou na medalla de bronce que o seu desde este ano novo club, o Atletismo Alcorcón, se axenciou na primeira das grandes citas por equipos da temporada, o Campionato DNA, relevo do antigo Campionato de España de Clubs en Pista Cuberta. Celia participou na derradeira e decisiva proba de relevos coñecida como a caza. Unha carreira precedida de probas individuais cuxos puntos se traducen en tempo de vantaxe para o equipo mellor clasificado. A cambadesa fixo a primeira posta (600 metros) e, partindo na segunda posición cunha desvantaxe de 5,6 segundos respecto á primeira, entregou o seu relevo á fronte. O seu equipo cedeu a cabeza de carreira na derradeira posta, acabando terceiro e bronce do DNA.