O Concello de Catoira aborda a renovación das deterioradas canchas de tenis de Borreiros
AROUSA
![](https://img.lavdg.com/sc/FLPIakgFbV1KfJ7IUtFAgDF9ZNQ=/480x/2025/01/29/00121738174081273203510/Foto/AE30C5F1_1969.jpg)
A intervención conta con algo máis de 48.000 euros de orzamento
30 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Catoira acaba de iniciar as obras para reformar as pistas de tenis de Borreiros. O alcalde desta vila, Xoán Castaño (BNG) explicou que esta actuación enmárcase no plan para recuperar de maneira progresiva os equipamentos deportivos que están en mal estado e dotalos dun correcto mantemento para que poidan ser utilizados pola veciñanza.
O alcalde nacionalista sinalou que as pistas de Borreiros levaban anos nunha situación absolutamente «deficiente e lamentable», o que impedía o seu uso. Polo tanto, o Concello redactou en 2024 un proxecto para reformar as canchas e conseguiu unha subvención provincial do Plan + Provincia de máis de 48.000 euros para facer fronte ao gasto. As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Lemos Martínez SL, que dispón dun prazo de tres meses.
A adxudicataria xa comezou a realizar traballos para renovar as dúas pistas existentes. As melloras consistirán na limpeza mecánica do formigón existente, a instalación dun pavimento deportivo, a marcaxe e sinalización das pistas segundo as normas federativas e a instalación das correspondentes redes e postes desmontables.
Con esta actuación, di Castaño, «a veciñanza de Catoira volverá dispoñer dunhas canchas de uso público e gratuíto para practicar tenis. Satisfarase así unha demanda moi reiterada, xa que hai anos o uso veciñal era moi frecuente».