
As de Juan Costas venceron o venres o frouxo CB Romade e perderon o sábado co filial do Rocasa
11 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Viaxaba o pasado venres o Inelsa Solar Asmubal Meaño a Gran Canaria coa motivación de saber que, de gañar os seus dous partidos en axenda a fin de semana, desbancaría o Balonmano Gijón do primeiro posto do Grupo A da División de Honor Plata Femenina do balonmán español. Pero se ben o conxunto que dirixe Juan Costas cumpriu na tarde do venres sobradamente ante o CB Romade, antepenúltimo clasificado, cun 12-35 sen necesidade de máis comentarios, o cadro galego quedou coas ganas de redondear a faena ante o Rocasa Gran Canaria B e 1 punto por debaixo do Gijón.
Con menos de 24 horas de descanso, o Asmubal Meaño mediuse ao segundo equipo da Liga Iberdrola sabedor da dificultade de superar na súa casa a un rival da zona media-alta da clasificación. As de Costas tiveron que traballar moi duro para facerse, nos inicios da segunda parte, co mando dun partido do máis igualado. Cun parcial de 1-6, situouse 19-23 arriba. Pero o Rocasa Gran Canaria acabou aproveitando o maior cansazo das súas rivais, ás que lles faltou un chisco desa enerxía que soe facer da súa defensa un muro inexpugnable. Un novo parcial, de 4-0, só que desta volta a prol do equipo insular, devolveulle o control do electrónico ao filial a menos de sete minutos da conclusión (28-26 final), que xa non cedeu pese á grande actuación de Cárol Ferreira, autora de doce tantos.