
Poderá visitarse na rúa Castelao ata despois das festas de Don Carnal
17 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Unha exposición dedicada á historia do Entroido do Grove abriu onte as súas portas nesta vila arousá. Na mostra recóllese a evolución das comparsas, os disfraces e os elementos máis emblemáticos desta celebración. A mostra poderá visitarse no vello local da banca rúa Castelao ata a fin do Entroido, sendo o seu horario de apertura de once e media a unha e media e de cinco a oito da tarde. Só permanecerá pechada o Día das Comparsas e o martes de Entroido. A exposición ofrecerá unha ampla visión do Entroido meco a través dos anos, exhibindo vestimentas de comparsas actuais, disfraces que foron premiados nos desfiles e concursos, e unha mostra dos traxes do Enterro da Sardiña. Ademais, contará cun apartado especial coas letras das comparsas dende 1926, incluíndo as que superaron a censura durante os anos máis restritivos.