
A compañía, que preparou «Reconversión» en Catoira, traza este sábado unha viaxe pola auxe e caída da industria naval
21 feb 2025 . Actualizado a las 13:34 h.A nova proposta da compañía Ibuprofeno Teatro chega este sábado ao auditorio municipal de Vilagarcía. Reconversión é unha peza que aborda a crise industrial na ría de Vigo, que levou ao peche de moitos estaleiros e ao paro a milleiros de traballadores. Enmarcado na Rede Galega de Teatros e Auditorios, que impulsa a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o espectáculo comezará ás oito do serán. A entrada custa cinco euros, agás no caso de desempregados, maiores de 65 anos e titulares do Carné Xove, que verán reducido o seu prezo a tres euros. A estrea, que conta cun orzamento de 5.800 euros, finánciase ao 50 % entre o Concello de Vilagarcía e a Xunta.
Santiago Cortegoso é o autor e director dunha montaxe de grande formato que, segundo a compañía, ofrece «unha viaxe dende a posguerra ata o felipismo dos anos 80, pasando pola auxe da industria siderúrxica e a evolución dende un estilo de vida rural a unha sociedade capitalista». Dende o punto de vista narrativo, Reconversión céntrase na peripecia vital do pai do autor, un home que traballou no asteleiro Ascón durante trinta anos e sintetiza as vivencias dunha xeración que padeceu o paro polo peche da factoría, en 1984, e protagonizou as mobilizacións históricas que marcaron as décadas dos 70 e 80. Os oito actores forman unha charanga que interpretará a banda sonora en directo.
As entradas están xa á venda en Ataquilla.com, e na propia billeteira do auditorio dende as seis da tarde do sábado.
A tempada da Rede Galega de Teatros terá outras tres citas na capital arousá nos vindeiros meses. O 29 de marzo, Elefante Elegante presenta Kyoki, un espectáculo infantil que aborda o tema da vellez. O 12 de abril é a quenda de Marta Alonso e Pablo Reboleiro con Sofá, unha proposta de danza, música, circo e teatro. O 2 de maio, Sarabela Teatro pon en escena O dragón de ouro.