Leyre Villamediana postúlase ao título nacional tras gañar a Fase Oeste por segundo ano

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

RAMON HERMIDA

A deportista do Gimnasio Squash Vilagarcía volveu derrotar a todas as súas rivais por ippon

25 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A judoca vilagarciá Leyre Villamediana conquistou o pasado sábado o seu segundo título de campioa da Fase Sector Oeste Júnior de Judo no cadro de menos de 63 quilogramos. A deportista do Gimnasio Squash Vilagarcía-Judo Club Pontevedra ofreceu no compostelán complexo deportivo de Santa Isabel unha nova exhibición, ao nivel da amosada hai ben pouco no Campionato Galego. Como no autonómico, Villamediana superou a todas as súas rivais na Fase Sector Oeste por ippon, nunha cita que reuniu os primeiros clasificados dos campionatos de Galicia, de Asturias, de Castela-León e mais de Cantabria.

A mostra de poderío da arousá convértea nunha das claras aspirantes ao título nacional. Antes, esta vindeira fin de semana, Leyre Villamediana participará na proba da Copa de Europa Júnior programada o sábado e o domingo no Pabellón de la Ciudad Deportiva Carranque Javier Imbroda de Málaga, con algúns dos mellores judocas sub-21 do mundo.

Tamén no complexo deportivo de Santa Isabel, outros dous deportistas do Gimnasio Squash Vilagarcía disputaron a pasada fin de semana a proba da Copa de España A outorgada á capital galega. Alicia Del Río, no cadro feminino de -57 quilogramos, e Hugo González, no masculino de -55, tiveron na cita unha excelente pedra de toque de cara a dar un paso adiante coa vista posta na súa próxima participación no Campionato Galego Infantil.