
O deportista da Illa estreouse no país veciño no Campionato Nacional Absoluto de Pista Cuberta, mentres catro dos seus compañeiros no seu club español, a Mazí, competían no Galego Sub-16
25 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O bo facer e a calidade atesouradas polos deportistas que Verónica Cores prepara nas filas da Agrupación Atlética Mazí en Vilagarcía de Arousa non pasa desapercibida entre os clubs de elite de Portugal. O arousán Xoel Otero vén de seguir os paso da súa ex compañeira de club pero inda camarada de adestradora, a cambadesa Celia Castro, competindo no país veciño. No seu caso, nas filas do Recreativo Eirense, co que a pasada fin de semana disputou o Campionato Nacional Absoluto de Pista Cuberta luso.
Xoel Otero, que leva un par de anos centrado en dar grandes pasos na especialidade das probas combinadas —héptatlon na súa categoría sub-23, a antesala do décatlon—, participou no concurso de lonxitude, acadando a novena praza cun mellor intento de 6,67 metros, e nos 60 metros valos, nos que finalizou undécimo cun tempo de 8,55.
Catro compañeiros de Otero na Agrupación Atlética Mazí acudiron pola súa banda ao Campionato Galego Sub-16 de Pista Cuberta, en Ourense. Breogán López foi o mellor clasificado, undécimo en salto de lonxitude (4,65 metros), rematando 21.º nos 300 metros lisos (45,43 segundos). Aitana Fernández foi 13.ª no lanzamento de peso (7,90 metros), Iago César 15.º nos 600 metros lisos (1.39,21) e Julia Chaves non puido entrar na final dos 60 metros lisos, cun tempo de 8,97.