O 40 aniversario de Uxía sobre os escenarios e unha revisión de Medea conmemoran o 8M na Illa

La Voz A ILLA / LA VOZ

AROUSA

PACO RODRÍGUEZ

A programación desenvolverase o venres 14 e o sábado 29 de marzo

11 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Desmentindo o refrán, o día pasou pero a romaría continúa, dado que todos os días son 8M. Nesta ocasión, o Concello da Illa estende a conmemoración do Día Internacional da Muller a todo o mes de marzo cunha dobre programación: a celebración da traxectoria musical de Uxía e unha revisión do mito clásico de Medea, ambos no auditorio municipal.

Uxía, unha figura clave na difusión da cultura musical non só de Galicia, senón tamén do conxunto da lusofonía, cumpre catro decenios dende a súa primeira incursión na escena do país. O domingo que vén, o Auditorio de Galicia, en Compostela, acolle un concerto moi especial, Será por flores, no que a cantante estará arroupada por artistas e amizades. Pero antes, o venres 14, fará unha escada no auditorio da Illa para ofrecer un anticipo. A entrada, a cinco euros, pode adquirirse no Bar Museo, na administración de lotería ou na propia billeteira o mesmo día do concerto.

Xa o 29 de marzo, de balde, Lucía Fernández, Lucía Costas e Juan Diego Comesaña encarnan Medea, unha e todas, unha peza de teatro froito do traballo que a escritora e dramaturga Noelia Núñez fixo sobre textos de Eurípides, Séneca e Manuel Lourenzo para traer esta figura clásica á contemporaneidade.