O Arousa xogaráse un asento na mesa dos ricos con equipos que traballan polo pan dos pobres

AROUSA

Tras o seu empate co penúltimo, o equipo de Perú encadeará outros seis partidos con rivais inmersos na pelexa pola permanencia
12 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A falta de dez partidos para a conclusión da Liga, o Arousa está fóra de calquera cálculo realista polo título do Grupo 1 da Tercera RFEF e o ascenso directo que leva aparellado. Quinto clasificado, a 14 puntos (13 máis o golaveraxe) do líder (UD Ourense), 4 por debaixo do cuarto na táboa (CD Estradense) e co Alondras e co Noia pisándolle os talóns a tan só 1 e 3 puntos por detrás, o conxunto vilagarcián só ten un camiño para evitar a palabra fracaso ao termo da Liga: conservar a lo menos a súa actual posición na táboa e conseguir o ascenso gañando as tres roldas da promoción á Segunda RFEF.
Sobre o papel, o primeiro paso debera de ser o máis sinxelo, de non ser pola falta de fiabilidade defensiva que o Arousa amosa desde que na derradeira xornada do 2024 comezara unha xeira de resultados que acabou por custarlle o cargo ao ferrolán Míchel Alonso. Un problema que non resposta ao nivel dos rivais, senón que apunta cara dentro, como demostran os dous últimos resultados, un 2-0 en contra do líder no Couto e un empate a 3 no campo Manuel Jiménez ante o penúltimo clasificado, o Atlético Arteixo.
O Arousa xogaráse o seu asento no banquete que, en forma de fase de ascenso, desfrutarán os grandes da Liga ao termo da fase regular do campionato diante do groso dos rivais que, a día de hoxe, compiten pola pura supervivencia na categoría. Así, logo de medirse tres xornadas atrás ao pechacancelas, Betanzos, con triunfo pola mínima no Manuel Jiménez (2-1) e do empate co Atlético Arteixo, o cadro que dirixe David López, Perú, encadeará seis partidos cos outros tantos equipos inmersos neste momento na zona de perigo, separados por non máis de 4 puntos da liña que marca o descenso directo reservado aos tres peores conxuntos á conclusión da temporada.
Este domingo, desde as 17 horas no que será o regreso do Arousa á Lomba tras a diáspora de dúas xornadas no Manuel Jiménez polos traballos de recuperación do seu campo, tocará enfrontarse a un Barbadás que ocupa o antepenúltimo posto na clasificación, con 22 puntos. A entrada, informou a directiva do club arlequinado, será de balde de maneira excepcional, tanto para os socios como para o resto de afeccionados.
A semana que vén, a Liga levará o Arousa ao feudo do Valladares, undécimo na táboa con 26 puntos. O Vilalonga, cuarto pola cola da clasificación con 23 e un partido menos xogado, visitará despois A Lomba, tocando sete días máis tarde paso por Barraña para enfrontarse ao Boiro, duodécimo con 25 puntos. Os duelos como local co Somozas, décimo terceiro con 25 puntos, e co Viveiro, décimo cuarto con 24, este último correspondente á xornada 19, adiada na súa totalidade por un temporal, terminarán de marcar a forma na que o Arousa chegue ao derradeiro mes de competición. Se consolidado na zona de promoción, ou ao bordo do desastre, co Gran Peña (décimo con 30 puntos) e co Silva (noveno con 30) agardando nos seus campos, e co Estradense e co Alondras, este último na derradeira xornada, confiando en poder darlle o tiro de graza a un rival indesexado na fase.