A armada arousá acode a Sevilla ao asalto das primeiras prazas internacionais

AROUSA

Medio centro de padexeiros da comarca no Campionato de España de Inverno
15 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.La Cartuja de Sevilla convértese un ano máis no escenario do inicio da temporada nacional do piragüismo esprint coa disputa, entre hoxe e mañá, do Campionato de España de Inverno. En acción, 846 deportistas que non só pelexarán por cadanseu títulos de categorías júnior, sub-23 e sénior. Tamén polas primeiras prazas internacionais, na distancia dos 5.000 metros fixados na cita sevillana para as finais —as clasificatorias paléanse sobre 3.000—. No caso dos barcos séniores, co premio dun billete para a Copa do Mundo de Esprint de Szeged, Hungría, do 15 ao 18 de maio. E no dos júniores e sub-23, cos pasaportes directos ao Campionato do Mundo das dúas categorías base internacionais, do 24 ao 27 de xullo na localidade portuguesa de Montemor-O-Velho.
A frota arousá inicia unha nova temporada co reto de consolidar a súa vocación de caladoiro de padexeiros das seleccións españolas. En Sevilla, son algo máis de medio cento, 52, para ser exactos, os deportistas inscritos do sur da ría.
As Torres-Romaría Vikinga é o club coa maior delegación dos cinco da zona con presenza no Campionato de España de Inverno. E entre os seus 15 integrantes da súa expedición, varios con serias opcións de medalla e, por que non, de facerse con praza internacional. Falamos de Fernando Busto, subcampión o ano pasado no C1 Sénior, de Pedro Torrado, que ocupou o mesmo posto na canoa sub-23, de Jairo Zurita e de Raúl Fernández no C1 Júnior, e de Iván Alonso no K1 Sénior.
O seguinte equipo arousán por número de padexeiros na capital andaluza é tamén do Baixo Ulla. O Náutico Pontecesures moveu a once deportistas, con Nerea Novo e con Roque Manuel Araújo aspirando a destacar as súas proas no seu primeiro ano sub-23, ao igual cas súas compañeiras Candela Rei e Sara Vila.
Polo Breogán do Grove, con dez padexeiros, varios candidatos a todo no C1 Sénior: Tono Campos, Diego Romero, Noel Domínguez e David Barreiro. Tamén Tania Álvarez no K1 Sénior e Marta Mourelos no K1 Sub-23.
O Piragüismo Illa de Arousa conta con nove inscritos e con Lucía Tenreiro como principal baza, mentres que o Náutico O Muíño de Ribadumia se desprazou con sete padexeiros, entre os que sobresaen o vilanovés Manuel Fontán e o poiense Adrián Sieiro, no C1 Sénior e chamados a formar parella outro ano na procura da praza titular do olímpico C2 500 na selección española de esprint; e as júniores Lara Remigio e Silvia Gago, ambas as dúas compañeiras tamén no equipo nacional de canoa feminina da súa categoría con base en Murcia.