A CIG manifestaráse o 1 de maio contra a suba do gasto militar e a perda de dereitos dos traballadores

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

25 abr 2025 . Actualizado a las 21:18 h.

A sección do sindicato CIG no Salnés presentou onte o marco da súa mobilización o vindeiro 1 de maio co gallo do Día Internacional da Clase Obreira, animando a todo o mundo a sumarse á manifestación que arrincará ás once e media da mañá desde a Casa do Mar de Vilagarcía, para percorrer parte do casco urbano da capital arousá e rematar coa lectura dun manifesto na praza de Galicia.

Onte, o secretario comarcal da CIG no Salnés, Xan Bouzas, Tupi, debullou as tres razóns principais polas que o seu sindicato se manifestará este ano o 1 de maio. A primeira, «a chantaxe que se está a facer polos Estados Unidos e pola Unión Europea á cidadanía, meténdolle o medo á xente, dándolle prioridade ao gasto militar sobre os dereitos sociais. Preocúpanos a perda de dereitos que imos sufrir de aquí en diante de seguir con esta deriva», sinalou Tupi. 

A segunda cuestión exposta foi «o aumento da pobreza laboral». Con exemplos de plena actualidade nas negociacións en marcha nos sectores das residencias, do servizo de axuda no fogar (SAF), no sector das oficinas e despachos, no hostaleiro e no da limpeza; «todos se moven por debaixo do salario mínimo interprofesional», denuncian desde a CIG. Unha situación que entronca coa súa terceira alerta: «Todo isto é o froito das sucesivas reformas laborais dos últimos anos, que fixeron que ser hoxe mileurista sexa moi complicado polos contratos a tempo parcial e a utilización perversa do contrato fixo-discontinuo.