Fontecarmoa acolle as probas clasificatorias para a Copa Galicia de Rugby 7 e será tamén a súa sede final

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MÓNICA IRAGO

Dezaséis equipos xogan hoxe mañá e tarde no campo do estadio de atletismo de Fontecarmoa

10 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Finalizada a temporada de rugbi quince para Os Ingleses RC, o club vilagarcián inicia hoxe a de rugbi sete. E faino con forza. En calidade de anfitrión das probas de clasificación para a Copa Galicia da modalidade máis dinámica do deporte do balón oval, reunindo no campo do estadio de atletismo de Fontecarmoa a máis de 200 deportistas divididos en dezaseis equipos de dez clubs de Pontevedra, da Coruña e de Lugo competindo nas categorías sub-16 e sénior masculina.

O programa de partidos comeza ás dez e media da mañá e chegará ata as oito da tarde, con encontros de dous tempos de sete minutos cada un. Os equipos formarán con sete rugbieres sobre un campo coas mesmas dimensións do rugbi quince, o que eleva a esixencia física dos deportistas.

Ademais do Os Ingleses RC, Vilagarcía de Arousa verá hoxe en acción o Vigo RC, Pontevedra RC, CRAT da Coruña, Ferrol, Santiago, Mareantes RC de Pontevedra, CR Coreti Lalín, Muralla de Lugo e Rugby Astérix de Viveiro. De cada unha das dúas categorías en lid sairán os catro equipos que sete días despois, o 17, disputen no mesmo escenario vilagarcián a final da Copa Galicia de Rugby Sete, sumándose a vindeira semana os catro finalistas das categorías sub-14 mixta, sub-18 e sénior feminina.

A fin de facilitar a chegada e a mobilidade dos máis de 200 deportistas hoxe en competición e a solicitude do club organizador, o Concello pechará ao tráfico rodado a rúa Camilo José Cela desde o instituto entre as nove da mañá e as nove da noite.

Torneo Santa Rita internacional

Tamén co Os Ingleses RC como anfitrión, o 24 de maio disputaráse a Trofeo Santa Rita de Rugbi. O campionato contará coa participación de catorce equipos de España e de Portugal da categoría sub-14.