Portos de Galicia abordará en breve a renovación de 350 luminarias do porto de Vilanova
AROUSA

O investimento elévase a 240.000 euros e permitirá un aforro enerxético do 60 % no consumo eléctrico
21 may 2025 . Actualizado a las 16:52 h.Portos de Galicia iniciará nos vindeiros días as obras de renovación das luminarias exteriores do peirao de Vilanova segundo llo comunicou o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, ao alcalde vilanovés nunha reunión de traballo celebrada hoxe.
Esta actuación suporá un investimento de 240.000 euros e inscríbese no plan de renovación de luminarias para portos galegos. No de Vilanova actuarase sobre 350 luminarias para reducir a contaminación ambiental e luminosa co apoio dun sistema de control remoto. Así, aportarase maior comodidade visual aos traballadores e usuarios ademais de procurar ese aforro enerxético estimado do 60 %.
Durante o encontro de traballo, o alcalde interesouse tamén polo estado de tramitación da proposta de reversión á Administración Xeral do Estado de terreos portuarios de Vilanova declarados innecesarios. O presidente de Portos informou de que esta proposta, consensuada o pasado mes de decembro con Concello, foi xa ratificada polo Consello da Xunta e remitida a Costas do Estado para que o Ministerio de Transición Ecolóxica decida sobre a súa aprobación definitiva.