O acto coincidiu co ecuador do mandato do nacionalista, «un goberno con razón e con corazón»
31 may 2025 . Actualizado a las 21:35 h.A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, participou este sábado en Catoira no acto de celebración de dous anos de goberno municipal liderado por Xoán Castaño coincidindo co ecuador do mandato. Ata Catoira foron tamén a deputada cambadesa, Montse Prado, a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, e concelleiros do BNG de Cambados e A Illa, entre outros dirixentes da comarca. «Estou especialmente contenta de estar aquí para celebrar que Catoira se teña convertido nun concello que mira ao futuro con optimismo e con esperanza, sabendo que conta cun goberno con razón e con corazón», indicou Pontón.
«O goberno do Bloque colleu un concello ao borde da ruína e hoxe xa ten a situación financeira encarrilada; encontrou un concello no que nada se facía, que esmorecía, “e agora multiplícanse os proxectos para mellorar a vila e, sobre todo, para mellorar a vida das persoas: aí está a rehabilitación dos parques infantís; aí están as actuacións nas instalacións deportivas; aí están os plans de mobilidade con propostas para mellorar as conexións entre o centro e espazos emblemáticos da vila», destacou a portavoz nacional.
No corazón de Arousa, Pontón aproveitou para instar a unha mobilización masiva na marcha de mañá domingo contras as macrocelulosas entre os concellos de Pontevedra e Marín. «Galiza quere industria, pero industria do século XXI, innovadora e de vangarda, respectuosa co medio ambiente, pero Altri é unha bomba ambiental que pon en risco o medio de vida de miles de familias na terra e no mar, é un atentado ecolóxico contra Galiza e desde o BNG imos facer todo o posible para que ese atentando non se leve a cabo, man a man coa cidadanía que quere un futuro para este país, que non pasa nin por envelenar os nosos montes, nin os nosos ríos e rías», concluíu.