Da urbanización da nosa costa

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

AROUSA

MONICA IRAGO

As urbanización da parroquia de San Vicente do Grove é un exemplo do que nunca debeu suceder

01 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As urbanizacións marítimas en xeral e as da parroquia de San Vicente do Grove en particular son un exemplo do que nunca debeu suceder. A ribeira sur desa parroquia está completamente edificada con tipoloxías diversas nunha desorde absoluta. As urbanizacións -transformacións de espazos virxes en cidade- ocupan a maior parte dese espazo: Lanzada, Raeiros, Montemar, Balea Marítima, Pedras Negras, San Vicente do Mar. Tal desfeita foi produto de variados factores derivados da extraordinaria beleza natural da zona: extensos ou recollidos areais desde A Lanzada ata A Barrosa, con características diversas pero sempre fermosísimos, dunas, piñeirais, e unha paisaxe dominada polas vistas ao mar bravo da Lanzada, Ons e Cíes. Incomparable. Ese encanto, máxico, privatizouse, foille usurpado ao común; coa conivencia e fomento expresos da Administración pública devastouse, erguendo urbanizacións que ocupan toda esa ribeira. Iso vémolo hoxe, pero entre os anos setenta e noventa do pasado século os argumentos dominantes buscaban a promoción irracional do turismo como panacea económica —pasiva—, e a creación de postos de traballo -ilusoria-. Todo falaz. Agora, ademais, o Concello ten que asumir subministro de auga, recollidas de lixo, desaugadoiros e mantemento desas mini cidades fantasmais a maior parte do ano. Xa hai sentencia firme para San Vicente do Mar. Cincuenta anos despois daquelas trolas toca pagarmos. Por suposto, aqueles postos de traballo prometidos foron e son escasos, estivais e sen cualificación. Nos tempos que corren e cos valores actuais de respecto ao medioambiente seguramente non se permitirían esas urbanizacións; ou si, non sei, porque a mentalidade pro turismo infinito e sen control aínda está presa en parte da conciencia colectiva. Vou poñer como paradigma para a reflexión a urbanización de Pedras Negras. O terreo sobre o que se construíu era de mancomún. Había alí unha fonte veciñal chamada das Mouriscas —topónimo precioso que facía referencia aos grandes cons do poñente, arrasados— e, arredor, zona de pasto e piñeiral con aproveitamento colectivo dos veciños.

Despois de diversos avatares históricos con discusións e defensa veciñal das estremas deses espazos denominados Pedras Negras e Mouriscas, en marzo de 1968, como outros montes de mancomún, foron sospeitosamente declarados bens de propios do Concello de O Grove polo propio Concello e inscritos ao seu favor, sinalando falsamente que tal Corporación viña gozando da posesión desde tempo inmemorial. A partires de aí todo sucedeu a unha velocidade sideral, nada crible: en 1970 o Ministerio da Gobernación autorizoulle ao Concello a venda á empresa Lanzamar S.L., constituída en xaneiro de 1971, que xa presentara un proxecto de Plan Parcial e parcelación. Milagroso. Os veciños protestaron, mais ben sottovoce, pero a transmisión consumouse por doce millóns cen mil pesetas, —que se faría con eles?—, a cen pesetas metro cadrado —uns dezaseis euros de hoxe— coa obriga (sic, dá a risa) da compradora de destinar a finca a un «polígono de urbanización turística». A promotora, guiadiña, —que si, que dá a risa— dividiu inmediatamente o terreo adquirido, doce hectáreas en oitenta e catro solares -poucos para vivendas individuais, a maioría para colectivas. Non se pactou o máis mínimo beneficio para o Concello nin para os veciños.

A empresa, asombrosamente, obtivo a aprobación dese Plan Parcial o 13 de xullo de 1971, sen achega ningunha para o Concello. Así, o que fora monte mancomún transformouse nun enxame de vivendas privadas de uso turístico que, a cambio dunha esmola, eliminaron o uso e posesión veciñais dun espazo sobranceiro e destruíron a contorna natural para sempre. A riqueza que ían recibir os veciños era fume, os postos de traballo nunca apareceron. E agora o Concello —a veciñanza— ten que ocuparse de darlle servizos por decisión xudicial. Valeu a pena usurpar, allear e urbanizar aquel espazo natural común?