
Teófilo Edicións publica un relato ilustrado que conta aos máis pequenos a proeza da Carta Xeográfica de Galicia
23 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.En 1834, Domingo Fontán, matemático, astrónomo e cartógrafo ilustrado, entre moitas outras cousas, remata 17 anos de extenuante traballo. É entón cando presenta a Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa elaborado en España seguindo métodos científicos. O primeiro en toda Europa, ademais, que emprega a escala 1:100.000 e ofrece as súas medicións en metros. Hoxe, cando o GPS substitúe calquera esforzo de orientación, resulta complicado percibir o calibre da proeza dun home nado en Portas en 1788, que foi quen de situar o seu país no cumio da cartografía europea do seu tempo. Ningún outro territorio do continente podía presumir dun documento tan preciso coma o seu, malia non poder ser impreso ata 1845 en París. Cousas da época.
Agora, 191 anos despois, Teófilo Edicións vén de publicar un tenro relato infantil ilustrado que, saltando xeracións, apunta ás mentes aínda abertas ao abraio dos máis pequenos para compartir con eles o tesouro que Galicia ten no mapa de Domingo Fontán.
Martiño e o pergamiño misterioso narra a historia da mítica carta xeográfica a través do diálogo entre un pícaro e o seu avó, que pouco a pouco vai seducindo o seu grupo de amigos en torno a un fito científico de primeira orde. O libro, moi ben debuxado, conta como o matemático de Portas tomou a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago de Compostela como referencia para calcular a súa posición xeográfica. A partir de aí, o noso home bótase a percorrer Galicia enteira cos seus aparellos ao lombo, unha tarefa na que emprega nada menos que dez anos. «Un supergalego que fixo un mapa superchulo», como ben exclama Martiño cara o final da súa inesperada aventura cartográfica.

Crebacabezas. «Martiño e o pergamiño misterioso» fai un símil ben acaído entre o mapa de Fontán e un crebacabezas. Bouffard, un técnico francés, non tivo más remedio que dividilo en doce seccións para poder imprimir o traballo, que logo foi montado de novo coma se dun puzle se tratase. A ilustración da esquerda recrea ese momento.