O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia reuniuse en Vilanova de Arousa
AROUSA

Os seus integrantes degustaron produtos ecolóxicos preparados por alumnos do Obradoiro de Hostalaría da localidade arousá
28 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os membros do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) celebraron onte o seu pleno no Pazo de Vista Real de Vilanova de Arousa.
A xuntanza contou coa presenza do director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Xunta de Galicia. Martín Alemparte trasladoulle ao órgano reitor do Craega o compromiso do goberno galego coa promoción e difusión do consumo de produtos ecolóxicos. No caso do consello regulador autonómico, con 45.459 hectáreas de produción ecolóxica certificadas no ano 2024 e unha listaxe de 1.016 produtores e 265 operadores. Entre todos xeraron unha produción o ano pasado dun valor estimado nos 111,3 millóns de euros, cos técnicos do Craega garantindo o control e a trazabilidade dun modelo produtivo sustentable e respectuoso co medio ambiente e co benestar animal.
Tras o remate do pleno, os integrantes do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria gozaron dunha degustación de produtos ecolóxicos organizada polo Obradoiro de Hostalaría de Vilanova.