A Travesía a Nado Porto de Vilagarcía está a piques de pechar as súas 200 prazas
AROUSA

O Club Natación e Salvamento Vilagarcía organizará o 3 de agosto a 41.ª edición da Travesía a Nado Porto de Vilagarcía. Trátase dunha das probas sinaladas en vermello polos amantes da disciplina en Galicia, que nos últimos anos sumou ao seu prestixio o valor engadido de figurar no calendario do Circuíto Galego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas, do que este ano será a sétima das súas dez probas puntuables.
A todo o anterior, a cita vilagarciá engade a súa vocación inclusiva, con tres distancias competitivas pensadas para a participación de todo tipo de nadadores, independentemente da súa idade ou pericia. Desde os 250 metros para os máis cativos, aos 2.500 dos competidores do Circuíto Galego Arzúa-Ulloa de Aguas Abertas, cunha opción intermedia de 1.200 a modo de percorrido para nadadores populares.
Con saída e chegada á rampla do Centro Galego de Vela, na zona do Cavadelo, a travesía vilagarciá dividirá ademais os seus participantes en nove categorías, premiando os tres primeiros nadadores masculinos e femininas de cada unha delas. Tamén se recoñecerán ao primeiro nadador e nadadora locais da proba raíña —2.500 metros—, ao nadador máis novo e ao máis veterano.
O club organizador contará un ano máis coa colaboración da Fundación de Deportes do Concello de Vilagarcía, de Protección Civil, da Autoridade Portuaria de Vilagarcía e do Centro Galego de Vela.
A día de onte eran xa máis de 150 os inscritos. Os interesados poderán continuar anotándose ata o xoves 31 de xullo a través da plataforma web championchipnorte.com ou ben o mesmo día da proba. En ambos os dous casos, debendo saber que o Club Natación e Salvamento Vilagarcía fixou un límite de 200 participantes, polo que a listaxe de nadadores podería pecharse en calquera momento visto o actual número de inscritos.