«Sirât» de Oliver Laxe estrea a Semana de Cine en Vilagarcía

G. B. BANDÍN / S. G. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A cidade recibirá dende o luns 4 de agosto o mellor programa de cinema cunha clase maxistral e unha actividade inmersiva

29 jul 2025 . Actualizado a las 20:58 h.

Luz, cámara, acción... A nova edición da Semana de Cine chega ao Salón García o vindeiro luns cunha xoia da coroa. Xavier Marqués, membro do Cine Club Ádega, e Sonia Outón, concelleira de Cultura de Vilagarcía, presentaron a nova programación da festa do cinema. O clásico da tempada estival recolle, unha vez máis, filmes para todos os públicos cunha proposta que, segundo o alcalde Alberto Varela, será ben recibida por esta cidade que é «culturalmente moi inquieta, especialmente en canto ao sétimo arte se refire». Tamén se desenvolverán actividades como unha masterclass de Dirección de Arte pola galega Marta Villar (martes 5, 12 horas) e unha inmersión 360.º con gafas 3D —coa colaboración da concellería de Medio Ambiente— (venres 8, 19 horas, de balde pero require de inscrición previa na web de Ádega).

A novidade é que conseguiron os dereitos de Sirât de Oliver Laxe (2025). Outón di que é unha «oportunidade de ouro para poder ver a película do momento». A galardoada en Cannes proxectarase en dúas ocasións no luns 4 de agosto, tanto ás 20.30 como ás 22.30 horas. Martes 5, 21.30: A rapaza da agulla de Magnus von Horn (2024). Mércores 6, 21.30, filme-concerto. Chus Pazos Trío poñerá a banda sonora a Seven Chance e One Week de Buster Keaton. Xoves 7, 21.30, Xorda de Eva Libertad (2025). Venres 8, 21.30, Nausicaä do Val do Vento un filme animado de Hayao Miyazaki (1984). Sábado 9, 21 horas, Cinema e picnic no parque Valdés Bermejo (O Castriño) cun filme sorpresa de Bollywood e entrada de balde. Dende a organización, Marqués, anima a caracterizarse e ir «preparados para bailar».

Os prezos serán de 5 € para o público xeral; 2,50 € para xente nova e parados e haberá un abono de 15 € para os seis días.