O agradecido sorriso polo partido contra a leucemia que os seus veciños lle dedican en Castrelo

AROUSA

A Asociación Aires Novos recada fondos para a loita contra unha enfermidade que Martín González encara con humor desde a rede
26 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A parroquia cambadesa de Castrelo celebrará nesta derradeira fin de semana de mes as súas festas na honra de San Roque e de San Ramón. Uns festexos organizados pola Asociación Cultural Aires Novos, que seguindo a tradición, volverán contar o sábado co partido de fútbol entre os dous equipos do lugar, o Beiramar e o Castrelo Veteranos. O que non forma parte da tradición, pero quizais acabe facéndoo, é un segundo partido. O que enfrontará a mulleres e homes da parroquia o domingo, a partir das 18.30 horas. Unha novidade que, lonxe da típica ocorrencia festeira, nace do desexo máis sincero de todo un pobo de amosarlle o cariño e o aprecio que sente por un dos seus no momento francamente delicado que está a vivir.
Veciñas e veciños de Castrelo saltarán o domingo ao campo para recadar fondos destinados á Asociación galega de persoas transplantadas de medula ósea e enfermidades oncohematolóxicas, Asotrame. Faráno para poñer o seu gran de area á pelexa que Martín González Chaves mantén coa leucemia desde que o pasado 15 de maio descubriu nunha analítica a causa de tantos meses de debilidade e continuas infeccións.
Ese mesmo día, recorda Martín, «ingresáronme de urxencia no Hospital de Montecelo e illáronme» para evitar sustos ante o baixas que tiña as súas defensas. Non o nega: «Cando che dan a noticia levas un pau tan grande, que quedas en branco. Como se che deran unha labazada dun lado, non souberas de onde veu, e venche outra do outro lado». Pero, a lo menos no seu caso, non tardou en facer da necesidade o máis parecida á virtude nun caso así. «Esa noite quedei illado eu só, e dinlle moitas voltas á cabeza. Levaba preto dun ano mal, permanentemente canso, collía gripes e catarros con facilidade, pero non me daban atopado nada». Por iso, continúa Martín, «cando os médicos me contestaron que non me podían dicir canto ía durar o tratamento, cambiei o chip, e decidín levalo con máis calma», e sobre todo, con todo ese humor polo que é tan coñecido polos seus veciños e nas redes sociais.
Desde a súa conta de Facebook Gústame onde vivo, onde o cambadés levaba anos arrincando risos coas súas ocorrencias, «decidín contar o meu día a día, de forma gráfica, amosando as cousas positivas, que é complicado, para ter a cabeza despexada», di Martín. Con entradas como a que acompaña a información, á porta dun ascensor do Hospital de Montecelo, nun meme especial da súa factura feito polas festas desta fin de semana na súa parroquia. Ou no que, nada máis pedir que lle cortasen o pelo cando lle empezou a caer por efecto da quimioterapia, contestou ao comentario da súa muller, Sandra, de ‘Pareces un kiwi’ colgando unha foto coa pegatina da marca Zespri na súa cabeza núa, gañándose o alcume polo que hoxe o coñecen os seus compañeiros da directiva de Aires Novos, na que fai as funcións de encargado das redes do colectivo.

Transplante ou células nai propias
Tras dous primeiros ingresos de mes e medio cada un, nos que pasou practicamente todo o tempo illado coa compaña en todo momento da súa compañeira de vida, Sandra, Martín volvía hai un par de semanas a Montecelo, onde onte pasou ao réxime de illamento outra vez máis polos baixos niveis das defensas do seu corpo. Unha situación que non lle impide falar con bo ánimo por teléfono e contar que, tras dous primeiros duros ciclos de quimioterapia, está a recibir un terceiro de reforzo, menos agresivo, que dará paso a un tratamento destinado a preparar o seu corpo para tentar dispoñer de células nai del por se non aparece un doante de medula ósea compatible. Unha opción, a da doazón, que non será polo gran número de coñecidos e familiares que se ofreceron a axudar. Pero é que, explica Martín, desgraciadamente a solución non pasa só pola boa vontade dos seus máis achegados: «Os irmáns son os que teñen máis opcións de ter unha medula compatible entre eles. Os meus dous irmáns, que viven en Suíza, viñeron para facerlles as probas, pero só son compatibles ao 50 por cento, e iso non chega».

Así as cousas, mentres agarda polo tratamento que o cure e se deixa coidar por uns médicos e enfermeiros que cualifica como «os mellores», o cambadés atopouse cun xesto ante o que se declara «súper agradecido e emocionado». O que tiveron os seus compañeiros de Aires Novos co partido benéfico: «Paréceme unha idea caralluda. Todo o que sexa axudar a combater a leucemia, benvido sexa».
«A parroquia e a veciñanza están volcadas con Martín. Sentiamos que tiñamos que facer algo por el, que se sentise arroupado», conta Nicolás Meaño, presidente de Aires Novos. Cobrando 3 euros a entrada e poñendo unha conta bancaria —chamar ao 649 385 115— para quen queira colaborar tamén e non poida acudir o domingo a Castrelo. «Co partido non só axudaremos o noso compañeiro, senón a todas as persoas que están pasando polo mesmo» ao destinar toda a recadación a Asotrame, sinala Nicolás Meaño.