Verdades e matices da taxa turística

Jorge Olleros

AROUSA

MONICA IRAGO

O debate non é taxa si ou taxa non, senón como, para que e con que resultados

31 ago 2025 . Actualizado a las 12:26 h.

E n Galicia, a discusión sobre a taxa turística medra e chega a concellos con realidades moi distintas ás das grandes cidades onde naceu. Máis alá de estar a favor ou en contra, cómpre preguntarse se encaixa no contexto local e se cumpre cos principios de xustiza, eficacia e coherencia territorial.

Hai razóns que a xustifican, si. Pero tamén hai matices que paga a pena considerar.

«A taxa ten unha finalidade recadatoria»

Certo. O Concello abrirá con ela unha nova vía de financiamento, como xa fixeron algunhas cidades europeas. Exemplos non faltan: Amsterdam, Lisboa, París ou Barcelona. É unha medida politicamente moi atractiva: permite ingresar sen afectar directamente ao veciño e resulta fácil de xustificar cun «que pague o turista». Sen unha análise previa do seu impacto real, ata podería parecer moi suxerente.

«Non vai reducir o turismo»

Tamén certo. Os turistas non deixarán de vir por pagar un euro ou dous por noite. «Unha parte da veciñanza entende que o turismo debe contribuír máis polos custos e molestias que xera». É unha percepción presente, e debe ser tida en conta. Agora ben, entre esa percepción e a solución proposta pode haber un bo treito: non todo o que soa razoable o é en termos fiscais ou operativos.

«A taxa axudará a reducir a saturación»

É discutible. Non se pode afirmar que non afectará á demanda e, ao mesmo tempo, que servirá para controlala. A experiencia en destinos como Venecia ou Roma demostra que o turismo de masas non se resolve con impostos, senón con planificación e límites claros. E desde logo, non vai evitar a conxestión nos viarios nin os cheos nas praias e aparcadoiros en días sinalados.

«A taxa non molestará a ninguén»

Depende. En lugares onde xa funciona e está ben explicada, o visitante asúmea sen problemas. Pero cando se aplica por primeira vez ou se comunica mal, pode xerar desconcerto ou rexeitamento. Xa pasou en Baleares, onde houbo queixas por falta de información.

«A taxa pagaraa o turista»

Non sempre. En moitos destinos europeos págase por separado. Pero se vai incluída no prezo final, a miúdo é o propio establecemento quen a asume. En contornos de alta competencia, isto pode impactar directamente en negocios con marxes moi axustadas.

«A taxa é xusta»

Pode selo, pero non sempre o é no seu deseño inicial. En ocasións, só a pagarían os turistas aloxados en establecementos regulados. Quedarían fóra os excursionistas (que son máis da metade dos usuarios de moitas das nosas praias), os de segunda residencia ou os que se hospedan noutras fórmulas. ¿Serán os turistas aloxados os que paguen os aparcadoiros ou os servizos das praias, paseos e infraestruturas que usan tamén os que veñen e marchan no día?

«A taxa cubrirá servizos necesarios para a poboación»

Fálase dunha recadación estimada de 300.000 euros, pero sen detalles sobre os custos de xestión nin sobre o destino real dos fondos. Menciónase tamén o investimento en infraestrutura turística ou ambiental, mais sería necesario coñecer mellor as prioridades do municipio. Cómpre lembrar que o turismo xa contribúe a cubrir parte dos custos que xera. Os establecementos pagan IBI, lixo, auga e outras taxas durante todo o ano, mesmo funcionando só dous ou tres meses. Ademais, o sector deixa consumo, emprego, actividade e impostos indirectos. Se hai sectores que usan servizos e non pagan, o lóxico é ordenar o sistema. Pero non se deben aplicar solucións simples a cuestións complexas sen antes facer o exercicio de análise que toda medida estrutural require.

«A taxa responde á estacionalidade»

Non parece. Non se prevé que se aplique só en agosto, nin que se adapte ao clima, á ocupación ou a políticas de desestacionalización. Fóra deses 30 días de alta demanda, o que precisamos é atraer o que realmente interese ao destino. Non gravalo a cambio de nada. Abrir unha porta fiscal sen modelo claro pode levar a subas sen límite, como xa pasou noutras cidades europeas. En varias, xa existen propostas para elevar a taxa turística ata os 15?€ por persoa e noite. E aplicando esa mesma lóxica, poderían chegar outras figuras impositivas igual de discutibles, nas que —como fariamos todos— tamén reclamaríamos un debate serio sobre a súa xustiza e impacto. E se esta é a gran medida estratéxica para xestionar o turismo, propoño xa a campaña promocional para o vindeiro ano: «Se te aloxas no meu pobo, e vés fóra do mes de agosto, non che aplicaremos taxa. Grazas por estar».

En fin, tal vez para este viaxe non facían falta estas alforxas. Dito isto por quen escribe, xa só queda sinalar que a poñan ou non, se así se decide. Pero que o fagan ben. Que a expliquen. Que a consensúen. Que xestionen a súa oportunidade con intelixencia. E que chamen ás cousas polo seu nome. Porque se non o fan, o que se deslexitima non é o turismo, senón o bo facer público

Nota ao pé:

Este artigo foi redactado a primeiros de agosto, cando o debate sobre a taxa turística estaba no seu punto álxido. As cifras e exemplos citados —como o cálculo de 300.000 € de recadación ou a referencia aos usuarios das praias— corresponden ao caso do Grove, tomado aquí como exemplo local.