Vilagarcía aspira a un centro de tenis de referencia a nivel galego da man da súa federación autonómica

AROUSA

O edil de Deportes propúxolle a idea ao ente, e este comprometeuse a redactar un proxecto para convencer a outras Administracións
04 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Vilagarcía colocou na súa lista de proxectos a construción dunhas instalacións para adestramentos e para competicións de tenis de referencia a nivel autonómico. A idea, que asaltou a comezos de ano a cabeza do edil e presidente da Fundación Deportiva Municipal, Carlos Coira, foi trasladada á Federación Galega de Tenis, que se montou no carro comprometéndose a redactar un primeiro proxecto para presentárllelo a outras Administracións públicas de cara a reunir o orzamento preciso.
Carlos Coira explica que a iniciativa parte como resposta ás peticións dos usuarios das pistas municipais de tenis do Complexo Polideportivo de Fontecarmoa reclamando que se cubrisen para gañar horas de uso nos meses de outono e de inverno. «Estudamos a posibilidade, pero detectamos varios inconvenientes», comenta o concelleiro. Principalmente, di, que habería que tapar tres das catro pistas, o que requiriría un investimento de non menos de medio millón de euros. A iso, engade, súmase que «o terreo no que se atopan é pequeno, e se o pechamos, limitariamos o futuro crecemento do deporte na cidade».
En vez de buscar unha solución menos ambiciosa, Carlos Coira tirou polo alto. A súa intención, declara, é facer unha aposta firme polo tenis en Vilagarcía, cargada de bos argumentos á hora de petar na porta da Federación Galega de Tenis: a situación privilexiada da localidade, nun punto intermedio entre o norte e o sur da comunidade, as súas boas conexións, tanto por estrada como por ferrocarril, e un tecido deportivo de gran proxección, coa figura emerxente de toda unha Top 50 do tenis mundial como é, aos seus inda 22 anos, Jéssica Bouzas Maneiro.
Claro que todo o anterior queda supeditado a que, unha vez se dispoña do proxecto técnico comprometido pola Federación Galega de Tenis, se consiga, e aquí entra o labor de persuasión dos dous socios da idea, a colaboración material doutras Administracións para cofinanciar a construción.