Ribadumia reunirá a preto de mil padexeiros esta fin de semana

P.P.V. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A Baixada do Umia contará coa campioa mundial de K4 Estefanía Fernández

05 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Que Ribadumia é terra de padexeiros é algo constatado desde hai décadas. A actividade do Club Náutico O Muíño situou a pequena localidade do Salnés no mapa nacional e internacional do deporte da pá. E iso, tanto pola calidade dun bo fato dos seus mellores canteiráns, como pola capacidade da entidade deportiva para organizar probas de primeiro nivel. Esta última faceta é a que despregará a directiva do Náutico O Muíño ao longo da inminente fin de semana, encadeando dúas probas que reunirá a preto dun milleiro de padexeiros: a XXXI Baixada Internacional do Umia, mañá sábado, e o Campionato Galego Alevín, Benxamín e Prebenxamín de K2, o domingo.

A casa do concello de Ribadumia serviu onte de escenario á presentación de ambas as dúas probas, con presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, trasladando o apoio da súa Administración ao piragüismo local acompañando ao alcalde, David Castro, ao secretario da Federación Galega de Piragüismo, Félix Lamas, e ao director deportivo do Náutico O Muíño, José Manuel Vázquez.

Os arredor de 400 inscritos na Baixada Internacional do Umia están citados o sábado ás catro da tarde. A proba, para embarcacións individuais cadetes, xuvenís, séniores e máster e para K2 mixtos absolutos repetirá o trazado do ano pasado. Unha aposta polo espectáculo, con saída a modo do Descenso Internacional do Sella desde a praia fluvial de Oubiña cara a ponte baixo a autovía en Cambados. Alí, os competidores tomarán unha ciaboga para remontar o río Umia e dirixirse á liña de meta, situada, como é tradición, no embarcadoiro do club organizador. Serán algo máis de tres horas de baixadas e de remontes que ofrecerán todo un espectáculo a afeccionados e curiosos que se aposten ás beiras do cauce inferior do Umia.

Puntuable para a Liga Galega de Ríos e Travesías, a regata ribadumiense contará este ano con presenza de padexeiros de dous clubs de Portugal, o Náutico Fao e o Vila Conquense. Tamén de Estefanía Fernández, a estremeña con licenza pola Federación Galega de Piragüismo que vén de conquistar o mes pasado o primeiro título mundial na historia do K4 feminino esprint de España xunto a súa compañeira de diploma olímpico en París 2024, a asturiana Sara Ouzande, e con Lucía Val e con Bárbara Pardo. Fernández baixará o Umia nun K2 mixto.

A fin de semana piragüística en Ribadumia continuará o domingo. Neste caso, poñendo o foco na última quinta de deportistas do país, dos que puidera ser que en cuestión de algo máis de dez anos atopemos os futuros Teresa Portela ou Carlos Arévalo. Ás tres da tarde, desde Barrantes, varios centos de caiaquistas alevíns, benxamíns e prebenxamíns tomarán a saída no Campionato Galego das mencionadas categorías en K2.

No acto de presentación de ambas as dúas probas, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou o labor de clubs como o Náutico O Muíño no pulo e consolidación das Rías Baixas como una zona ligada ao deporte e a súa capacidade tractora en materia de turismo. E no caso particular do concello de Ribadumia, engadiu que «con 5.000 habitantes é unha potencia no deporte», citando eventos de índole internacional que se celebran no municipio como o Arousa Fútbol 7, a Copa Ribadumia ou a MiniBTT.