O Encestarias retorna a Vilagarcía coa primeira edición do seu torneo feminino

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Ensino-Barcelos e Cortegada-Maristas xogarán o domingo 28 no Sara Gómez

11 sep 2025 . Actualizado a las 16:50 h.

Vilagarcía de Arousa volverá gozar da maxia do baloncesto de primeiro nivel marca Encestarias. Tres anos despois da celebración da última edición do cuadrangular con equipos de primeiro nivel ACB e Euroliga, Iván Villar e Diego Doval, os ideólogos, promotores e directores dunha fórmula tan exitosa que tivo que mudarse á veciña Pontevedra na procura de maior aforo, anunciaban este xoves a primeira edición do Torneo Encestarias Women.

O último domingo de mes, día 28, o Durán Maquinaria Ensino de Lugo, equipo da Liga Femenina Endesa, e o BC Barcelos, conxunto que milita na máxima categoría do baloncesto feminino de Portugal, enfrontaránse no Pavillón Municipal Sara Gómez a partir das 17 horas. Pouco despois de rematar o encontro, o Mariscos Antón Cortegada de Vilagarcía de Arousa e o Maristas Coruña, os dous equipos galegos de Liga Femenina 2 que disputaron a última fase de ascenso á Liga Challenge, o segundo chanzo do baloncesto feminino español, mediránse no parqué da cancha vilagarciá, só unha semana antes do inicio da súa tempada regular.

Diego Doval foi o encargado de explicar a orixe do Torneo Encestarias Women durante a presentación do mesmo na casa consistorial de Vilagarcía este xoves. Tras agradecerlle ao Concello o seu respaldo, o codirector do evento deportivo explicou o cando e os porqués: «Era algo no que levabamos tempo traballando e démoslle adiante aproveitando que o torneo masculino chega este ano á súa décima edición —os días 19 e 20 en Pontevedra, co Baskonia, co Valencia Basket, co Breogán e co Real Madrid no seu cartel—».

Sobre a motivación tras a creación da versión feminina do Encestarias, Doval falou de tres razóns. «Queremos homenaxear a todas a mulleres que formaron, forman e formarán parte da historia do baloncesto de Vilagarcía; o Cortegada foi o equipo que máis lonxe levou o nome de Vilagarcía». Tamén, continuou o codirector do torneo, «queremos colaborar cos clubs locais, o Cortegada e o CLB. Este ano sacaron un carné de socio conxunto e quen o teña accederá gratis ao torneo, puidendo sacar o carné o mesmo día do torneo no pavillón». E por último, a organización salientou o seu desexe de «reforzar a nosa identidade vilagarciá».

Neste último punto, Diego Doval argumentou a mudanza do Torneo Encestarias e o seu asentamento por terceiro ano no Pavillón Municipal de Pontevedra por cuestión puramente loxísticas. «O torneo masculino desmadrouse, e é unha cuestión de aforo», comenta, ao quedarse os mil asentos do Sara Gómez moi curtos para a enorme e crecente demanda para ver o Encestarías. «O noso é un torneo que segue e seguirá en Vilagarcía», concluíu un dos seus promotores na presentación do cadro feminino.

O prezo da entrada conxunta para os dous partidos do día 28 será de 5 euros, dando dereito a participar nun sorteo de multitude de premios achegados por establecementos colaboradores. As entradas poderánse mercar o mesmo día dos encontros, desde unha hora antes do primeiro deles.

O Encestarías escolleu a Lola Oliveira, traballadora desde hai décadas da Delegación Arousá da Federación Galega de Baloncesto, como madriña pola súa dedicación ao deporte da canastra «toda a súa vida», conta Doval. Oliveira amosou a súa ilusión pola súa elección e a súa ledicia por que se lle dea ao baloncesto feminino «o lugar que realmente se merece». Unha valoración compartida polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, que lle agradeceu á organización do Encestarías por «organizar esta segunda pata» na localidade.