A Xunta atopa comprador para as naves de Alfageme en Ribadumia e este é o prezo que sacou por elas
AROUSA
O cuarto intento de poxa pública espertou un alto interese que contrasta co peche sen ofertas dos tres anteriores
01 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) convocaba este martes, ás dez da mañá, a súa cuarta poxa pública polas antigas naves de Alfageme en Ribadumia. Unhas instalacións coas que o ente, dependente da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, quedara en propiedade en decembro do ano 2012 logo de que a xestión da familia Lago, enraizada no sector da construción, levara á creba a unha das firmas insignes do sector conserveiro de Galicia. Logo de tres intentos infrutuosos, que remataron sen oferta ningunha, o Igape atopou desta volta catro aspirantes e un comprador.
Cun prezo de partida de 193.000 euros, a concorrencia competitiva elevou tras o remate da poxa os ingresos finais obtidos pola Administración autonómica ata os 275.000 euros polos 8.692,25 metros cadrados de superficie de finca urbana na rúa A Barca de Sisán. Un inmoble que inclúe 2.077 metros cadrados ocupados por varias construcións agrupadas de tipoloxía industrial, polo que o Igape pedía 807.000 euros no outono do 2018 no seu primeiro intento por recuperar, mediante o sistema de poxa, un chisco dos máis de 30 millóns de euros que a Xunta lle reclamaba aos últimos propietarios de Alfageme procedentes das inxeccións de diñeiro público recibidos ao longo dos anos pola conserveira. As outras dúas poxas intermedias realizáranse no 2023 e neste ano en curso, quedando desertas.
As sucesivas convocatorias lanzadas polo Igape estiveron abertas á participación de todas as persoas físicas —particulares— e xurídicas —sociedades— que consignaran as garantías fixadas no correspondente procedemento.