Os Ingleses segue sen atopar rival que o poida parar esta tempada: 32-15 ao Muralla

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Imaxe do partido dos Ingleses fronte ao PRC
Imaxe do partido dos Ingleses fronte ao PRC MONICA IRAGO

O conxunto vilagarcián suma a súa quinta vitoria noutros tantos partidos

04 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A traxectoria de Os Ingleses RC na Liga de Primeira División Galega de rugbi masculino segue a resultar impoluta esta tempada. Os homes de David Lema resolveron o seu quinto compromiso do curso como os catro anteriores, impoñendo o seu xogo ao rival de turno. Desta volta, un Muralla que se vía xa ao descanso 17-0 en contra, para rematar caendo 32-15.

Con varios marcadores de escándalo no seu haber, a marxe razoablemente estreita do triunfo final do equipo de Vilagarcía reflicte o nivel de resistencia dun conxunto lugués que fixo da súa dureza o seu sinal de identidade durante décadas.

Así foi como, lonxe de baixar os brazos, o quince do Muralla deuno todo nunha segunda parte marcada por unha inusual intensidade no xogo despregado sobre o céspede do estadio de atletismo de Fontecarmoa. Tirando de ataques verticais e da súa dureza en cada contacto, os visitantes igualaron o parcial da segunda metade (15-15).

Os Ingleses sumou os seus 32 puntos no partido con ensaios de Alejandro Brea, de Juan José Beloso, de Yago Pérez, de Javier Amor e de Adrián Fernández, redondeados polo acerto ao pé de Álvaro Eire.

O seguinte compromiso do conxunto vilagarcián, o sexto do curso, levará este sábado a Os Ingleses ata o terreo de xogo do CR Coreti Lalín, décimo e penúltimo clasificado da Primeira División Galega. Unha Liga que Os Ingleses encabeza con 24 puntos, polos 19 do CRAT Coruña, o outro equipo invicto na competición, só que no seu caso cun partido menos disputado.