O heroe do triplo a falta de tres décimas de segundo que lidera na pista e prepara a todo un club: «Foi a canastra máis especial da miña carreira»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O base do Sigaltec Óscar Castaño, que compaxina o xogo coa posta a punto física dos equipos da canteira da entidade, está a cumprir o soño que tiña con dez anos, xogar no primeiro equipo do seu pobo na antiga EBA, hoxe a Tercera FEB

18 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Con noites como a do outro día, non atopo palabras para describir o tan orgullosos que estamos do que fixemos». Óscar Castaño Rubianes fala coa ilusión dun neno con zapatos novos. E aos seus 23 anos, por neno se lle podería ter na Tercera FEB, como ao groso dos seus compañeiros no Sigaltec de Vilagarcía de Arousa, primeiro equipo vilagarcián en militar na última categoría do baloncesto nacional español en 16 anos. No caso de Óscar, con máis motivos inda despois de que o pasado sábado, na noite de autos da que fala, botase abaixo as gradas do Pavillón Municipal Sara Gómez cun triplo a tres décimas de segundo ante o Estudiantes de Lugo que lle valía ao seu equipo a terceira vitoria nas sete primeiras xornadas de Liga.

«É a canastra máis especial da miña carreira ata hoxe, seguro», declara o base titular do conxunto vilagarcián, «polo nivel no que estamos este ano —a Tercera FEB— e polo ambiente que había no pavillón», cun seguimento crecente ao Sigaltec. «A xente estáse volcando bastante con nós», di Óscar. E iso comeza a sumar puntos: «Ao final do partido, nos últimos ataques e defensas, escoitar a grada gritar e animarnos deunos unha enerxía especial». A el, axudándolle a recalibrar a súa mira.

«Foi curioso, porque foi dos partidos nos que menos acerto tiven. Na primeira parte só anotara unha canastra. Non me estaba entrando nada. Cando Luis —Gabín, o seu adestrador— me volveu meter ao final, o primeiro tiro entra», recorda o director de xogo vilagarcián. Seu foi o triplo a 2 minutos e 55 segundos do final co que o Sigaltec impediu que o Estudiantes puxera terra por medio (71-72). E na última acción do choque, recorda, «Pablo —segundo máximo anotador da Liga— tiña o balón para tirar, pero a defensa pechouno e pasouma a min. Faltaban 3 segundos e non tiven tempo nin de pensar. Foi soltar o balón e ver que pasaba». E o que ocorreu foi que entrou e as gradas do pavillón tolearon. «Quixen xirar cara a grada, porque tiña nela a familia e amigos, e xa notei como me empurraban por atrás todos os compañeiros» para celebralo, lembra Óscar.

Entre os máis contentos por ver erixido o base no heroe da semana está o seu adestrador. Porque para Gabín, se hai alguén que personalice o que é o proxecto do CLB, matriz do Sigaltec, ese é Óscar Castaño: «Empezou de premini na escola do BBC, con 6 anos, e está no CLB desde que se montou, agás un ano que marchou de Erasmus a Italia. É un base moi completo, moi, moi traballador, que fai de todo: asistir, se fai falta asistir, anotar, se o que necesita o equipo son puntos, rebotear se é o que toca... É quen de ver as necesidades do equipo en cada momento e o primeiro en tentar cubrilas, un líder na pista». E por riba diso, engade o técnico, Óscar é «un home de club», que ademais de adestrar os nenos máis cativos das escolas, leva tres anos á fronte da preparación física de todos os equipos do CLB, mesmo da dos seus compañeiros ata que o salto á Tercera FEB permitiu contar cun profesional específico para o primeiro equipo masculino.

Graduado en Ciencias das Actividades Físicas e do Deporte pola Universidade de Vigo e máster en readaptación física, especialidade esta última que compaxina desde hai un par de meses nunha clínica en Vilagarcía co seu traballo de preparador físico para o club, Óscar foi, recorda Luis Gabín, «o primeiro que se atreveu a dicir que en 3-4 anos iamos ascender de volta á EBA —hoxe a Tercera FEB—, no 2019, cando inda non xogaramos a primeira das cinco fases de ascenso». O comentario saíu da boca do base ao pouco de desembarcar no equipo sénior. «Desde pequeno, con 10 anos, quería chegar ao primeiro equipo do club», confesa o último heroe do Sigaltec, e «cando o conseguín», relata, «díxenlle a Luis que tiñamos que chegar á EBA en 2-3 anos. Dicíao en broma, pero tamén pensando en ver se podiamos dar o salto. Dicíallo aos compañeiros, e soou ben; a xente comezou a dicilo comigo, a traballar por iso, e ao final, chegou».

Tras «anos imaxinando poder xogar nesta Liga», Óscar Castaño, décimo cuarto xogador máis valioso do Grupo A-B da Tercera FEB, di que «pola nosa forma de traballar, sabía que podiamos sorprender a varios equipos», pero confesa que «non esperaba tres vitorias en dous meses». Conseguilas prodúcelle «moito orgullo». Dito isto, quen exerce a máxima «en defensa o esforzo nunca se pode negociar» recupera o rol de «cerebro e cabeza» co que resume as súas funcións no equipo diante do aro rival para enfundarse de novo o mono de currante: «Con tres vitorias non nos salvamos».