A Illa vive «un día histórico» ao destinar unha vella parcela de Marcial Dorado a vivenda pública

D.L. A ILLA / LA VOZ

AROUSA

cedida

O alcalde, Luis Arosa, viaxou ata Madrid para formalizar a compra deste e outro terreo ao Plan Nacional sobre Drogas

10 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Illa suma oficialmente ao patrimonio local dúas parcelas de aproximadamente 3.000 metros cadrados cada unha para a construción de vivenda pública e dunha nova zona verde. O alcalde, Luis Arosa, viaxou ata Madrid para firmar ante notario a compra dos terreos ao Plan Nacional sobre Drogas, que era quen posuía as fincas tras ser embargadas ao narcotraficante Marcial Dorado.

«Hoxe é un día histórico para o noso Concello, por fin temos no patrimonio local estes dous terreos tan necesarios», apuntou o rexedor. Arosa dixo sentirse «moi contento» porque «tras unha época tan escura para a comarca», facendo referencia ao problema do tráfico de drogas, «damos un paso importante que reverterá no beneficio de todos».

Setenta vivendas públicas

A operación ten un custo de 361.000 euros que o ente local deberá ir abonando ano a ano ao Ministerio de Sanidade, dentro dos próximos sete exercicios. Serán preto de 50.000 euros anuais que sairán dos sucesivos orzamentos municipais.

A cambio, A Illa gaña un terreo na avenida da Ponte no que, segundo cálculos municipais, poderanse construír unhas 70 vivendas de entre dúas e tres habitacións e que serán destinadas a vivenda protexida.

Tras este imporante paso, a pelota está agora no teito das outras Administracións, que son as que contan co músculo inversor necesario para poder realizar o proxecto. «Houbo conversas tanto coa Xunta como co Ministerio de Vivenda», apuntaba o rexedor arousán, quen tamén advertía que «hai boas palabras, pero nós queremos feitos».

Unha cesión habitual

É, en realidade, unha operación habitual. Hai uns meses o Concello de Vilagarcía tamén cedeu unha parcela municipal para a construción dunha decena de vivendas públicas.

Ademais a demanda existe. Proba disto son os datos recollidos pola propia Administración local tras a realización dunha sondaxe na que participaron máis de 200 persoas: os interesados teñen de media 35 anos e a maioría están traballando. Sen embargo, o seu salario medio é de 1.200 euros ao mes, o que dificulta poder acceder ao mercado xeral de vivenda.

En canto ao outro terreo adquirido ao plan sobre drogas, está situado na zona de Outeiro. O goberno local comprométese a crear unha nova área de lecer para o uso e desfrute de toda a veciñanza. Os primeiros pasos para conseguilo, segundo o Concello ,serán «limpar e manter a finca, plantar árbores autóctonas e abrir camiños para o seu uso».