O arousán que rematou a un posto do podio do Campionato Galego de Campo a Través correndo con gastroenterite

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

Pablo Otero, durante a súa participación na última San Silvestre Solidaria de Cambados
Pablo Otero, durante a súa participación na última San Silvestre Solidaria de Cambados MARTINA MISER

Pablo Otero volveu ofrecer unha demostración da calidade e da potencia das súas pernas e da súa cabeza

07 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai hoxe unha semana, Pablo Otero Fariña despedía o 2024 completando o seu incontestable dominio nas carreiras populares do norte da provincia de Pontevedra no segundo treito do ano como campión da San Silvestre Solidaria de Cambados. Só catro días despois, no concello ourensán da Rúa, o deportista illense, fichaxe estrela do Vitoria de Guimaraes da máxima categoría do atletismo portugués, disputaba coa camisola do Club Atletismo Narón o Campionato Xunta de Galicia de Campo a Través. E novamente, dando mostras da enorme calidade e potencia das súas pernas, pero tamén da súa cabeza.

E é que tras o cuarto posto final de Pablo Otero está a actuación dun home que correu sufrindo unha gastroenterite desde o día anterior, e que onte inda non deixara atrás. E inda neste estado, rematou a 16 segundos do podio, cun tempo de 25 minutos e 54 segundos para cubrir os 8,6 quilómetros da proba. Por diante, Antonio Serrat (RC Celta), triatleta olímpico en París 2024, coroouse coma novo campión galego cun crono de 25,28 por diante de Ero Doce (CA Narón), en 25,32, e de David de la Fuente (CD Pinarium), en 25,38.