Unha biblioteca intelixente na Illa: o sistema de apertura electrónica acada os cen usuarios

La Voz A ILLA

A ILLA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Trátase dunha APP que permite entrar nas instalacións de maneira autónoma, abrindo a pechadura electrónica dende o móbil calquera día do ano de 8 a 23 horas

16 may 2025 . Actualizado a las 12:14 h.

A biblioteca municipal da Illa de Arousa superou a barreira dos cen usuarios do seu novo sistema de acceso intelixente. Trátase dunha APP que permite entrar nas instalacións de maneira autónoma, abrindo a pechadura electrónica dende o móbil, calquera dos 365 días do ano e que é utilizada sobre todo por estudantes que preparan exames. O tenente de alcalde, Manuel Suárez, fala de «éxito» e anuncia que o sistema vaise utilizar tamén no local da mocidade e noutras instalacións municipais. A aplicación electrónica foi implementada polo Concello para ofrecer unha maior flexibilidade e comodidade á veciñanza que demandaba un horario máis amplo de apertura das instalacións.

A ferramenta activouse na primavera do ano pasado en fase de probas e, paulatinamente, a biblioteca foi mellorando as súas prestacións. Inicialmente o horario foi de 9 a 13 e de 17 a 20 horas, para despois manter dispoñible o local tamén durante a hora da comida e aumentar máis horas durante a mañá e a tarde, ata chegar ao horario actual de 8 a 23 horas todos os días do ano.

A aplicación require un rexistro previo e a firma dun compromiso de uso adecuado. Unha vez a persoa usuaria está rexistrada, só ten que descargar a aplicación no seu móbil e, cando o precise, facer unha reserva das horas nas que quere estar na biblioteca. Unha vez na porta de entrada, só hai que pulsar o botón de apertura existente na APP e a pechadura das instalacións abrirá automaticamente.

«O acceso intelixente á biblioteca permite ao Concello prestar un servizo á veciñanza sen necesidade de persoal permanente nas instalacións, algo que sería insostible para un concello do noso tamaño», subliña Suárez. O investimento municipal para a posta en marcha deste servizo ascendeu a pouco máis de 6.000 euros para a compra da licencia da APP e a pechadura intelixente con acceso á rede, e precisa de apenas 1.000 euros anuais para o mantemento, unhas cifras, di Suárez, que «están xa totalmente amortizadas». «Tiñamos unha demanda moi grande deste servizo. Era unha das principais peticións dos colectivos de mocidade. Tiñamos o exemplo de Vilar de Barrio, un concello que tiña abertas as súas salas de estudo 24 horas, e decidimos aplicalo aquí».