Luis Carro pídelle «tranquilidade» ao seu Céltiga para completar o gran salto ante o Atios

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O conxunto da Illa de Arousa abre a eliminatoria decisiva en campo rival

08 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás sete da tarde, no Campo do Carballo, o Céltiga visita ao Atios no partido de ida da segunda e definitiva eliminatoria por un posto na vindeira edición da Liga de Tercera RFEF. Un destino que o conxunto da Illa de Arousa leva perseguindo nos últimos anos da man do adestrador vilanovés Luis Carro, e que agora busca culminar en 180 minutos logo de quedar a 3 puntos do Barco, campión do Grupo 2 da Preferente Autonómica e gañador do premio do ascenso directo.

Subcampión de Liga, o Céltiga enfróntase ao cuarto clasificado do campionato regular no seu mesmo grupo. Un rival co que caera na primeira volta 1-4 no Salvador Otero, nun partido «bastante igualado, no que eles estiveron acertados con pouco», lembraba onte Luis Carro; na segunda volta, hai mes e medio, o Céltiga resarciuse cun 0-1 materializado na derradeira xogada do encontro.

Así as cousas, o adestrador arousán sinala que nada lles queda xa por agochar aos dous equipos diante do outro. Sendo así, Luis Carro salienta que chegados a este punto, «as claves da eliminatoria pasan por ter tranquilidade, por ser quen de igualar os duelos cos seus xogadores, e de controlar a faceta emocional, estea o marcador a favor ou en contra».

A primeira eliminatoria, que o Céltiga semellara ter encarrilado no Manuel Ángel Cortizo cun 0-2 ante o Lalín e que rematou complicándoselle no Salvador Otero, salvándoa cun 3-3 final, «deunos un plus emocional» e unha guía de xestión da tensión ante o que hai en xogo, declara Luis Carro.

Álex Fernández volve ser baixa nas filas arousás, con moitos futbolistas traballando esta semana entre algodóns polo lóxico desgaste a estas alturas da tempada.