A Illa bautiza o seu verán gastronómico coa celebración durante toda a fin de semana da Festa da Navalla
A ILLA DE AROUSA

Dende a organización prevén unha venda de ata dous mil quilos de navalla
24 jul 2025 . Actualizado a las 08:53 h.Hoxe dá comezo na Illa de Arousa o verán gastronómico, que encadea un bo feixe de certames que xiran arredor dos produtos do mar. Arrinca a festa coa exaltación da Festa da Navalla, que este ano celebra a súa edición número 18. Dende o medio día de hoxe, ata a noite do domingo 27, poderanse degustar diversos produtos da ría no paseo marítimo do Cantiño, no porto da Illa.
O evento está organizado este ano polo Club de Baloncesto Dorna Illa de Arousa, en colaboración co Concello da Illa e da confradía de pescadores. Dende a organización do evento estiman unha venda de ata 2.000 quilos de navalla, aínda que tamén se poderán degustar outros manxares.
Variedade de produtos
A pesar de que os prezos soben algo en comparación ao ano pasado, dende a organización falan do mantemento dos «prezos populares». Unha docena de unidades de navallas á grella ten un prezo de 14,50 euros, mentres que a paella vale 7 euros e os mexillóns ao vapor 6,50 euros. Tamén hai unha variedade de empanadas e croquetas a elixir, que non superan os dez euros, dependendo do tipo escollido, e para os máis doces dispoñen de filloas. As quendas nas que se poderá acudir a degustar os produtos é de unha do medio día ata as 16.00 horas e para cear abren as portas ás oito da tarde, hasta peche, que será aredor das once e pico da noite.
Este evento, realizado coa axuda de voluntarios, é unha iniciativa creada para ensalzar a navalla da ría, pero tamén é unha forma de axudar a que o Club de Baloncesto Dorna siga funcionando, xa que todo o recadado vai para eles. Este ano introducen unha novidade no formato da festa, xa que a través das redes sociais do club, que son Instagram e Facebook, realizarán un sorteo dun estoxo de conservas da fábrica Dardo e un paseo en kayak coa empresa Kayak-Suc.