Gratuíto, oferta catro horas para nenos durante a semana previa á volta ao colexio
24 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Concellería de Igualdade da Illa de Arousa ofrece na derradeira semana das vacacións escolares de verán unha nova actividade para os máis cativos: o Campamento Igualix.
Na que é a súa segunda edición, a iniciativa do goberno local arousán facilitarálles ás familias da localidade catro horas de conciliación. As que, desde as 10 ás 14, pasarán os rapaces de 3 a 12 anos que o desexen nunha actividade programada nas Casas Modernistas e centrada en ofrecerlles diversión e a aprendizaxe de valores de igualdade. A inscrición, gratuíta ata esgotar as prazas, debe realizarse a través do código QR do cartel anunciador, que se pode atopar nas contas en redes sociais do Concello da Illa. Tamén se pode obter máis información chamando ao número de teléfono 694 216 484 a vindeira semana, de luns a venres de 9 a 15 horas.
Recta final da ludoteca
Tamén na Illa de Arousa, a ludoteca de verán organizada polo Concello entra na súa recta final. Unha derradeira semana centrada nas actividades na praia, incluíndo un repaso por todo o feito nas longas xornadas xa desfrutadas e sorpresas coas que os monitores queren despedir os rapaces. Será logo dunha penúltima semana na que os asistentes gozaron dunha visita ao parque multiaventura de Sanxenxo, da súa particular festa da auga e dunha acampada.