Electropura achega á Illa a súa mestura sensorial de cinema, son e natureza

P. PENEDO A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

A Asociación Asteroidea organizará o venres e sábado en colaboración co Concello un festival pensado para mergullar o espectador nunha exploración sensorial e nunha reflexión ecolóxica

02 sep 2025 . Actualizado a las 10:43 h.

A Asociación Asteroidea organizará esta semana na Illa de Arousa a cuarta edición de Electropura, o encontro de cinema, son e natureza que lles ofrece aos seus espectadores unha exploración sensorial e, á par, movelos a unha reflexión ecolóxica a través das artes.

O festival, que conta coa colaboración do Concello da Illa de Arousa, abrirá o seu programa o venres no Auditorio coa proxección ás 19.30 de Furada Negra, traballo de Berio Molina centrado na captación dos sons das covas e con textos orixinais da poetisa Alba Cid. Ás 20.15, presentado polo seu propio autor, Emilio Fonseca, poderáse ver Salvaxe Salvaxe. E xa ás 22.15 pasaráse Biografía dun volcán, de Iván Torres. 

O sábado, Electropura trocará de escenario, saíndo pola mañá do Auditorio para gozar dun roteiro polo Parque Natural do Carreirón da man de Xurxo Mouriño, unha actividade programada para as 11.30 horas e limitada a 25 prazas —a inscrición, de balde, debe realizarse no correo electrónico: electropurareservas@gmail.com—. Xa pola tarde, no Xardín das Traballadoras da Conserva, ás 18 horas Iván Vaseline e Les ondes Martenot ofrecerán unha selección musical sobre catro eixos: bioacústica, ambiente, pioneiras da electrónica e outras músicas. A proxección ás 20.30 do documental sonoro Como ser unha balea pechará o festival.